Nacín en Meilán (Lugo) e alí, nas beiras do pai Miño, pasei unha infancia feliz, aínda que fun a unha escola unitaria (só de nenos), unha daquelas de pau e tente teso onde o pasei moi mal; pero aos dez anos xa ingresei no instituto masculino da cidade amurallada e a cousa mellorou moito.

Estudei Maxisterio e despois de cinco anos en Sevilla de mestre, cheguei a Viveiro, onde traballei ata a xubilación.

Cando eu era pequeno apenas había libros infantís e moito menos álbums ilustrados, todo se condensaba en grandes enciclopedias como a Álvarez, con moito texto e poucas ilustracións e nunca escritas en galego.

Libros como Memorias dun neno labrego ou Os soños na gaiola chegaron ás miñas mans cando xa era un mozote, aínda así gocei coa súa lectura. Foi un bo comezo.

Transcorreu a miña xuventude entre libros e traballos na casa labrega dos pais durante a semana e, a fin de semana, xogando ao fútbol. Pateei os campos da chaira enteira.

Cando comecei a escribir facíao só para min, pero logo de gañar algúns premios, en varios certames de poesía, animeime a publicar. Colaborei nunha ducia de obras colectivas e publiquei varios libros para adultos. Para nenas e nenos xa van, nestes últimos vinte anos, seis títulos, escolmados neste volume.

Invítovos a ler moito e a escribir para crear mundos novos, para transmitir emocións e sentimentos e tamén para vivir mil aventuras. Eu seguirei escribindo aquí, no meu xardín de Viveiro, onde revoa unha linda bolboreta, a miña neta Antía.


Publicacións

Libros de poemas

  • Linguaxes, Otero Regal Xunqueira, 2005.
  • Ás catro augas, Fundación Manuel María, 2004.
  • Nas Varandas do Abrente, Edición de Autor, 2000.
  • Memoria e Soño, Edición de Autor, 1996.

Poemarios infantís

Colaborou en libros colectivos

  • Coroa literaria a Roberto Blanco Torres contra á súa morte.
  • Alma de beiramar.
  • Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra.
  • Homenaxe poética ao trobador Xohán de Requeixo.
  • Junto as áugas velhas (poemas ao castiñeiro de Podent). Homenaxe a Ánxel Casal.

Premios

  • En poesía:
    • Meigas e Trasgos de Sarria.
    • Concello de Vilalba (en tres ocasións).
    • Certame Rosalía de Castro (cornellá, Barcelona).
  • En xornalismo:
    • Accésit premio Manuel Reimóndez Portela.
    • Begonte e o Nadal (en tres ocasións).

Correo electrónico

Xoán Neira