Pedreira López, Carlos

Nace o 8 de setembro de 1945 en Pontedeume e reside en Santiago de Compostela desde 1969. Ornitólogo, naturalista, delineante naval e mestre de Educación Primaria, carreira que cursou en Santiago e da que se prexubilou en 2006.

A súa atracción pola natureza lévao a dedicarse ao seu estudo e á súa divulgación, especialmente no campo da ornitoloxía. Foi membro fundador do Grupo Ornitolóxico Galego, no que ocupou o cargo de vicepresidente, e un dos promotores da creación da Sociedade Galega de Historia Natural, da que foi membro activo. As súas actividades englóbanse dentro das realizadas por estes grupos naturalistas.

Publicacións

Libros

  • Guía das Aves de Galicia, en colaboración con Xosé Manuel Penas Patiño e o ilustrador Calros Silvar publicada en 1980, a primeira do seu xénero en Galicia e en galego da que se coñecen varias edicións, a última de 2004.
  • Aprendo coas aves (1995) con ilustracións de Calros Silvar.

Interesado pola nomenclatura das aves galegas, realiza en colaboración con Xosé Manuel Penas Patiño a recollida e estudo desas voces do que son froito numerosos

artigos aparecidos na revista de filoloxía da USC Verba:

  • “Nomes galegos do Erithacus rubecula e do Troglodytes troglodytes”(1975).
  • “Nomes galegos das aves do xénero Streptopelia e Columba”(1976).
  • “Nomes galegos das aves Piciformes”(1977).
  • “Nomes galegos das aves da familia Fringillidae”(1980).
  • “Nomenclatura das aves do concello de Ames”(1990).

Na revista da SGHN Braña

  • “Lista patrón das aves de Galicia”(1977 e 1978).

Colaboracións

  • Gran Enciclopedia Gallega nas voces sobre avifauna e algunhas outras.
  • Dirixiu cursos de Ornitoloxía e Educación Ambiental dirixidos preferentemente a alumnas e alumnos de E.P. e ESO.
  • Participou en programas de Educación para a Saúde elaborando:
    • Manual e Cadernos de Saúde Bucodental.
    • Manual e Cadernos de Prevención de Drogodependencias.

Traducións ao galego

  • A Venus de Ille.
  • Sete rapaces australianos.
  • O Gato Borba.