Nacín en Burela, aos pés do Cantábrico, no verán de 1991. Na infancia devorei libros como elemento principal da miña dieta, e agora escribo como complemento alimenticio vital. Aínda que son Enxeñeira de Camiños, Canles e Portos, pasei e paso (e agardo pasar) a meirande parte do tempo entre letras, mundos imaxinarios e vidas alleas.

Formeime no relato curto e as historias breves, e tras acadar premios como o XI Certame de Microrrelatos “Lonxa Literaria” (2013), o de Relatos Curtos “Os Viadutos” (1º premio en 2014 e 2º premio en 2017), o XXVI Concurso Literario Xaime Illa Couto (2018), o Certame Literario de Cambre (1º en 2016, 2º en 2017 e 1º en 2018) e o II Premio Illa Nova (2018) entre outros, foi en
2016 cando decidín dar o gran salto e publicar O misterio de Portomarín (Galaxia), a miña primeira novela.

A reconquista (I Premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade) supón o meu debut no álbum ilustrado.