Espazo, esa palabra.

Espazo, esa palabra.

Ben tratando distancias siderais ou ben como cuestión básica para a ordenación dos obxectos, representa en xeral a oportunidade para facer cousas, pois son os sitios os que acaban por determinar a nosa acción. Sitios medibles en metros, áreas ou, nese misterio virtual, nos bytes, kilobytes das Novas Tecnoloxías, inaprensibles pero de capacidades inimaxinables.

As mulleres recoñecemos coma ninguén o verdadeiro valor do espazo, e as autoras de maneira especial: É significativo que o ensaio por antonomasia sobre a escrita de mulleres sexa precisamente “un cuarto de seu”, de Virginia Woolf, unha apelación á necesaria disponibilidade de sitios para a súa actividade creativa. O que seica a británica esquecía era tamén esa necesidade de contar con lugares onde ver e falar desa obra, naquela época na forma tradicional do tanxible conxunto de páxinas encadernadas. Na actualidade, esas páxinas teñen ademais a consistencia das pantallas, pero a necesidade segue intacta, ou aínda acrecentada: Temos moitas cousas que contar, e seguimos a precisar de lugares estables onde poder facelo.

E, como non, cando na mesma dimensión atopamos eses espazos e as vontades comúns, o produto resultante son as xuntanzas, verdadeiros viveiros de ideas e propostas, que, no caso da escrita, son impulsados polo motor do entusiasmo. Un entusiasmo que é vello amigo das autoras, fiel compañeiro en todo o seu proceso creativo. Unha xuntanza de escritoras vai ser, basicamente, un espazo do entusiasmo compartido, aínda que sexa nos terreos tan intanxibles do espazo virtual. A vocación común ofrecendo os mellores froitos da árbore da imaxinación e toda a reflexión que ese feito marabilloso implica.

Xuntanza de escritoras é, por tanto, ese recuncho acolledor e cheo de promesas que esta editorial pon a disposición das súas autoras na web, unha sala virtual onde a literatura é o motivo de reunión e que, como calquera estancia confortable, invita á permanencia. Aquí exporemos os nosos traballos, falaremos da escrita e intercambiaremos información sobre iso tan emocionante do negro sobre branco prolongando así a nosa paixón común aos límites case infinitos do ciberespazo. E é, tamén, a cordial invitación a quen se achegue para gozar por uns momentos dese encontro onde as historias e a palabra son os agasallos de benvida.

Texto: Conchi Regueiro