A BURRA RAMONA, PREMIO FREI MARTÍN SARMIENTO

Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, acudiu á entrega dos Premios Frei Martín Sarmiento e Rec.Curta que convocan a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Federación Española de Relixiosos do Ensino de Galicia – Centros Católicos (Ferega-Ceca).

Na entrega do Premio Frei Martín Sarmiento, que recoñece obras da literatura infantil e xuvenil seleccionadas polo alumnado e polas súas familias, García Gómez quixo destacar o papel normalizador da literatura, que “tantas veces se converteu en porta de entrada dos rapaces e rapazas ao coñecemento e ao amor pola lingua propia de Galicia”.

En canto a Rec.Curta, que galardoa curtametraxes de ficción elaboradas por alumnado de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional, o secretario xeral sinalou que o cine é “outra maneira de contar as historias e de transmitir as ideas, paralela á literatura”, que lle permite ao alumnado expresar a súa creatividade e “descubrir o valor do galego para comunicar o seu propio universo en calquera espazo ou soporte”.

Premio Frei Martín Sarmiento
Na categoría de 1º e 2º de educación primaria, o Premio Frei Martín Sarmiento recaeu este ano na escritora Paula Carballeira, pola súa obra “A burra Ramona” (ilustrado por Xosé Tomás); na categoría de 3º e 4º de primaria, o gañador foi Xabier Frías, por “As aventuras de Enrico Müller”; na de 5º e 6º de primaria, Xabier Estévez, por “Todos os soños”; Santiago Jaureguízar fíxose co galardón na categoría de 1º e 2º de ESO por “O veleno da risa” e Agustín Fernández Paz, con “A neve interminable”, obtivo o de 3º e 4º de ESO. Na categoría de bacharelato e adultos, gañou o premio Francisco Castro, con “Tes ata as dez”.

Rec.Curta
Na categoría de 1º, 2º e 3º de ESO obtivo o premio á mellor película a curta “Os invisibles”, do alumnado de segundo de ESO dos Padres Franciscanos de Lugo. O premio a mellor actor compartírono os alumnos Jorge Rodríguez, Manuel Jover e Jorge Fernández, e as mellores actrices resultaron ser Ángela Abelleira, Pilar Corredoira e Paula Jover, todos do mesmo centro lugués. O galardón aos mellores efectos especiais recaeu no traballo “O reloxo dos segundos”, elaborado polo alumnado de 1º de ESO do colexio Calasanz-Padres Escolapios da Coruña, e o da mellor música adaptada, en “Unha rosa para mariña”, do alumnado de 3º de ESO da Inmaculada de Lugo. Esta mesma curta obtivo tamén o premio ao mellor guión. O xurado outorgou, así mesmo, unha mención especial á participación para “A Curta”, do alumnado de 3º de ESO do colexio Calasanz-Padres Escolapios da Coruña.

Na categoría de 4º de ESO e bacharelato, a mellor película, en opinión do xurado, foi “365”, do alumnado de 4º de ESO do Colexio María Assumpta de Noia, que tamén obtivo unha mención especial á calidade de lingua. Outorgáronse así mesmo galardóns a mellor actor (Dani Ces e Marcos Lado, protagonistas de “365”), a mellor actriz (Sabela Fernández, do Colexio María Inmaculada de Vigo), mellores efectos especiais e mellor música adaptada (“O recordo esquecido”, do alumnado de 4º de ESO da Compañía de María de Santiago), mellor guión (“A intuición”, do alumnado de 1º de bacharelato do San Juan Bosco da Coruña, e “Sempre con nós, do alumnado de 4º de ESO do Colexio María Inmaculada de Vigo), mellor vestiario e mellor aderezo (tamén do alumnado de 1º do San Juan Bosco da Coruña, por “Xoanman” e “Secuestro no Congreso, respectivamente).

Fonte: Xunta