A falta de persoal é a gran causa da saturación do Sergas

O Consello de Contas de Galicia, órgano fiscalizador da xestión económico-financeira do sector público,  acaba de publicar un informe das  auditorías realizadas nos servizos de urxencias de dous hospitais comarcais (Valdeorras e Monforte) e tres complexos hospitalarios (CHUAC, CHUS e CHOP).

O informe xeral indica que “o aumento da demanda asistencial urxente, a saturación dos Servizos de Urxencias Hospitalarios e a inadecuada utilización destes servizos obedecen a diversas causas”, entre as que cita “un dispositivo asistencial de primaria escasamente resolutivo que xera a consecuente desconfianza dos usuarios respecto a que no dito nivel poida ser satisfeito con rapidez o seu problema de saúde”.

En opinión do sindicato CIG-Saúde,  coa chegada ao goberno da Xunta do PP de Feijoo iniciouse o desmantelamento da Atención Primaria, eliminando os incrementos en dotación técnica e de persoal que estaban previstos.

Outra das deficiencias que recolle o informe é  que “a estrutura física dos cinco SUH fiscalizados presenta deficiencias e disfuncionalidades que repercuten no seu correcto funcionamento, sendo o máis afectado o CHUAC no que a dimensión e distribución do servizo imposibilitan, na práctica, a prestación dunha adecuada atención”. O pasado 1 de agosto, sen ir máis lonxe, CIG-Saúde na Coruña emitía unha nota de prensa que viña afondar nas denuncias previas sobre a situación de caos no servizo de urxencias do CHUAC.

Os avaliadores destacan tamén que na data de realización das auditorías (2010), só un servizo de urxencias tiña implantada a triaxe, que o propio informe describe como “alicerce básico sobre o que debería xirar a atención en urxencias, como medio de asignar o nivel de prioridade e de fixación dos tempos de resposta máximos en función da mesma”. Nalgún caso, e tal e como recolle o informe, a clasificación previa faina “persoal non sanitario que desenvolve funcións administrativas na área de admisión de urxencias”.

Ademais disto, o informe fai unha análise dos recursos humanos dos servizos de urxencias auditados, e recolle que no 2010 aínda había dous servizos dos estudados que non dispoñían de Plan Funcional, e nos que si o había ou ben a dotación de persoal que estaba implementada no servizo era menor que a que se recollía neles, ou ben existía certa variabilidade e desorganización na distribución do persoal, polo que a cobertura non era axeitada.

“A dotación de efectivos para cubrir a infraestrutura organizativa prevista é deficitaria nas distintas institucións, de forma máis acusada no estamento de persoal facultativo dalgúns dos centros, que chega a alcanzar o 39% menos”. E engade que esta falla de persoal estábase cubrindo con xornada complementaria (horas extras), en moitos casos excesiva, superando mesmo o 50% da xornada ordinaria.

A política de persoal recibe moitas críticas. “Nas distintas institucións analizadas, vense recorrendo, de forma desproporcionada, á contratación eventual (prevista en situacións de carácter temporal, conxuntural e extraordinario) para a cobertura de necesidades estruturais ou para a substitución de persoal en supostos de ausencia, non adecuándose tal modalidade contractual á natureza da prestación de servizos. No primeiro suposto prolifera esta contratación en detrimento dos procesos selectivos para a cobertura das necesidades con persoal fixo. No segundo, en lugar de formalizarse o correspondente nomeamento de substitución de carácter nominativo tipificado respecto diso, recórrese aleatoriamente á formalización dun contrato por un prazo determinado coa finalidade de cubrir diversas continxencias de varios traballadores” critica o Consello.

Sobre os tempos de espera en urxencias, o informe tamén é demoledor: “respecto dos pacientes para os que se acordou o ingreso, a prolongación da súa permanencia en urxencias representa unha das causas fundamentais da saturación do servizo, apreciándose nos complexos hospitalarios en maior grao, con especial incidencia no CHUAC. (…) a asignación de cama para urxencias non está debidamente priorizada nin protocolizada, nin existe unha programación que permita xestionar a presión asistencial urxente coas debidas garantías, o que constitúe unha das causas de saturación da área de urxencias debido ao fluxo de entrada de pacientes e ao estar ocupados os recursos polos enfermos xa atendidos”. A CIG-Saúde ven denunciando que a situación dos servizos de urxencias é caótica, sendo o caso do CHUAC o máis grave dos estudados.

O Consello de Contas, para rematar o informe, emite unha serie de recomendacións a respecto dos aspectos analizados nas auditorías, recomendacións que poden verse no propio texto do informe.

Fonte: Galicia Confidencial

Foto: Juan Varela