A Fundación Premios da Crítica celebra os 35 anos de cultura galega

Un xantar de irmandade na Bodega Martín Codax de Cambados reunirá o sábado 16 de xuño a  boa parte dos premiados pola Fundación no transcurso de 35 anos. Un encontro agarimoso de boa parte das figuras que axudaron a construír durante máis de tres décadas a cultura galega nos eidos da creacion literaria, a música, as artes plásticas ou
as artes escénicas e visuais.

Desde 1978

A entidade lembra que dende o ano 1978 e de forma ininterrompida, os Premios da Crítica Galicia viñeron  recoñecendo cada ano a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia. Xerados dende a iniciativa da sociedade civil, anticipándose ao inicio da Autonomía, os Premios da Crítica Galicia -unha plataforma plural, independente e interxeracional- asumiron como o seu obxectivo sobranceiro o de tomar o pulso do latexo da nosa creación cultural. Un traballo en man común e en clave de país cuxa continuidade contribúe a acrisolar a tradición galega.

A Fundación Premios da Crítica Galicia recoñece a traxectoria da Bodega Martín Códax, a anfitrioa deste importante e único encontro da cultura galega contemporánea, como modelo de empresa social con raíces ben chantadas na terra e na lingua de noso, ao tempo que capaz de desenvolver un importante proxecto de internacionalización dun produto de calidade vencellado á cultura galega.

35 anos da cultura galega nun libro

Os Premios da Critica Galicia 2012 ditaminaranse o 20 de outubro na cidade de Vigo. A esta altura estanse formando os xurados de cada unha das categorías (Creación literaria, Investigación, Musica, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais). Así mesmo, prepárase a edición dun libro, 35 anos de Cultura galega, e a celebración de sete mesas redondas en cada unha das cidades galegas nas que se pretende facer balance do estado de cada un dos ámbitos da creación cultural en Galicia nas tres útimas décadas.

Fonte: AGE

Foto: Cartaz utilizado nos Premios da Crítica 2011.