A RAG xa recoñece no seu dicionario palabras como rechouchiar, blogueiro ou tableta

A presentación da renovación da páxina web da Real Academia Galega (RAG) hai un par de anos trouxo unha importante novidade de grande utilidade, a estrea dunha versión en liña do seu dicionario de galego, que non só achega o dicionario á cidadanía de xeito masivo, senón que tamén facilita que as revisións poidan difundirse con moita máis velocidade, sen ter que estar pendente de edicións dun volume impreso cada varios anos, e como exemplo temos que o dicionario está a recoller numerosas voces actualizadas que afectan especialmente o léxico tecnolóxico que tanto empregamos no noso día a día, e do que queremos dar conta.

Ao ver como David Lombao daba conta de que a RAG xa aceptaba a palabra chío como “mensaxe que se publica na rede social Twitter”, comprobamos como o dicionario tamén integraba os verbos chiar e rechouchiar, así como o substantivo rechouchío, adoptando así oficialmente o vocabulario implantado na tradución ao galego de Twitter, o que claramente é de agradecer. Na mesma liña tamén se incorporaron dúas novas acepcións á palabra cancelo, que non só serve para identificar ao símbolo #, senón que tamén podemos empregalo como “palabra ou cadea de palabras precedida do símbolo # que funciona como ligazón e chave de busca, así como etiqueta para indexación nalgunhas redes sociais”, ou sexa, que sería equivalente á expresión hashtag.

Outras palabras que detalla o dicionario da RAG relativas ao seu uso na Internet serían avatar como “identidade dixital que adopta un usuario dun servizo de Internet, como unha charla, xogo en rede ou foro”, blog, bitácora, blogueiro, báner, videochamada, contrasinal, web, agregador, mandatario, proxy… e incluso chegan a detallar a expresións código fonte, banda larga, correo lixo ou correo instantáneo, entre outras.

Máis curiosa pode ser a incorporación da palabra tableta como “computador persoal de man co que se interactúa por medio dunha pantalla táctil”, que pode resultar rechamante por semellar a incorporación dunha palabra en español que carece se significado previo en galego, e por non recoller correctamente a definición dos tablet actuais, senón dos vellos tablet PC, aínda que a confluencia entre ambas gamas de produto pareza inevitable.

Fonte: Códigocero