A selectividade comeza en Galicia con textos sobre o libro electrónico e a afección ao fútbol

As probas de acceso á universidade (PAU) en Galicia arrancaron este mércores co exame de Lingua Castelá e Literatura II, no que os alumnos se atoparon con varios textos para analizar que trataban sobre o libro electrónico e a afección ao fútbol.

Preto de 10.000 alumnos enfrontaranse ata o venres aos exames de selectividade como primeiro paso á súa entrada á educación superior galega, segundo os datos facilitados pola Comisión interuniversitaria de Galicia. O ano pasado, a convocatoria de xuño rexistrou un 86 por cento de aprobados.

Deste modo, a opción A desta primeira proba ofrecía un texto asinado por Arturo Pérez Reverte, no que o escritor reflexiona sobre a implantación do libro electrónico e o debate sobre o formato papel.

Ademais de redactar un comentario crítico, os alumnos tiñan que responder a unha serie de cuestións gramaticais e léxicas, ademais de varias preguntas de teoría centradas no tratamento do tempo e o espazo en ‘Plenilunio’, e na obra de narrativa peninsular que leron durante o curso. A pregunta final versaba sobre as características xerais do Modernismo.

Por outro lado, na Opción B da proba, incluíase un texto de John Carlin en El País no que aborda a afección e a popularidade do fútbol e a súa instauración na sociedade.

Así mesmo, entre outras cuestións, preguntábase polo valor de varias formas verbais subliñadas no texto ou un texto breve de cinco liñas en rexistro formal-culto. Finalmente, cuestionábase sobre a obra ‘A Fundación’ e preguntábase por lugar, tempo e acción da obra teatral lida durante o curso, xunto coas características xerais e autores máis destacados do Romanticismo.

XORNADA

Tras un descanso duns 45 minutos, a xornada continuarase con Historia de España e Historia da Filosofía (12.15 horas), e continuará pola tarde con Lingua Galega e Literatura (16.00 horas) e Lingua Estranxeira (18.15 horas).

AULAS DE TODA GALICIA

Desde hoxe, mércores, e ata o venres, máis de 9.000 alumnos ocupan as aulas dos centros de toda Galicia para afrontar as probas de selectividade na convocatoria de xuño, O ano pasado participaron un total de 10.160 alumnos nas Probas de Acceso á Universidade (PAU) de xuño, que rexistrou un 86 por cento de aprobados. A falta da matrícula extraordinaria para alumnado que aprobe 2º de Bacharelato na convocatoria deste mes tras a resolución das reclamacións, polo momento cuantifícanse un total de 9.895 estudantes para a realización das probas.

A xornada deste mércores das PAU comezou coa presentación ás 9.00 horas, Lingua Castelá e Literatura (10.00 horas), Historia de España e Historia da Filosofía (12.15 horas), Lingua Galega e Literatura (16.00 horas) e Lingua Estranxeira (18.15 horas).

Ao día seguinte, o xoves, haberá Matemáticas II, Grego II e Técnicas de Expresión Gráfico-Plástica (9.00 horas); Ciencias da Terra e Ambientais, Literatura Universal, Ciencias Sociais, Deseño (11.15 horas); Química, Latín II, Debuxo Artístico II (13.30 horas); Bioloxía, Historia da Arte (16.30 horas); Electrotecnia e Matemáticas aplicadas ás Artes Escénicas (18.45 horas).

Finalmente, o venres serán as probas de Física, Xeografía e Análise Musical II (09.00 horas); Tecnoloxía Industrial II, Economía de Empresa (11.15 horas); e Debuxo Técnico II e Historia da Música e a Danza, ás 13.30 horas.

Fonte: GaliciaHoxe

Foto: Pili Prol