A USC conta cun centro que promove e apoia a diversidade das culturas do mundo

CampUSCulturae é unha aposta da Universidade de Santiago polas culturas do mundo, pola diversidade e o pluralismo cultural. O centro susténtase en catro piares: Biblioteca Internacional especializada en Literatura Infantil e Xuvenil, o Museo Internacional da Ilustración, o Centro da InterCulturalidade  e Centro Internacional da Creatividade.

Os catro piares

O Museo Internacional da Ilustración manterá unha colección permanente da obra dos autores ilustradores de todo o mundo, realizará exposicións itinerantes e temporais e organizará obradoiros formativos. A institución tamén contará cun Museo virtual, un espazo de experimentación interactiva coa arte. O Centro da Interculturalidade funcionará como un banco de ideas e tempo, espazo on line para o intercambio de experiencias e proxectos sobre multiculturalidade. Este espazo contará con outros instrumentos de traballo como IRE.net, para intercambio de recursos en rede entre distintas comunidades virtuais. Os promotores deseñaron un plan (ADAN) que traballará para asociar a Diferenza á Normalidade e que se implicará na integración na cultura de persoas con necesidades especiais.

CampUSCulturae tamén contará con medios de comunicación, a Radio TV campUSCCulturae, canle on line sobre diversidade cultural. O Centro Internacional de Creatividade pretende ser unha plataforma entre linguaxes infantís e a arte contemporánea, un espazo de creación músico-literaria e un laboratorio de autoedición e de libros únicos e de artista.

Ilustramundos

O centro organizou no mes de febreiro a exposición Ilustramundos, mostra que estivo exposta no Pazo de Fonseca e na que participaron ilustradores de recoñecido prestixio internacional. Tamén organizou o congreso ‘Ilustrando a diversidade’, encontro no que participaron 150 expertos e investigadores de nove países europeos e americanos para explorar as posibilidades da ilustración como canle para a diversidade, a interculturalidade e o pluralismo.

Á fronte deste proxecto está Xosé A. Neira Cruz, profesor da Facultade de CC da Comunicación da USC, escritor, xornalista e promotor de proxectos culturais.

Fonte: AGE