Acordo informal en Europa sobre as obras orfas

Representantes da Comisión e do Parlamento Europeo chegaron a un acordo, aínda non formalizado, sobre as obras orfas (aquelas obras protexidas polas normas de propiedade intelectual, cuxo titular de dereitos se descoñece ou non pode ser localizado). O acordo recolle unha serie de normas que permitirán levar a cabo certos usos, como a dixitalización e posta en internet de obras impresas e audiovisuais que teñan a consideración de orfas, respectando os dereitos de autor.

Trátase do primeiro paso cara unha directiva europea que estableza un marco común para que as institucións  públicas (museos, bibliotecas, etc.) poidan dixitalizar e facer accesibles este tipo de obras en Internet de xeito legal. Iso permitiría que se solucionase un dos atrancos que existen actualmente para o proceso de dixitalización do patrimonio europeo. O acordo acadado baséase en dous principios: na necesidade de facer unha búsqueda dilixente na que se determine que non é posible identificar ou localizar ao titular de dereitos dunha determinada obra, e que no caso de aparecer o titular, sexa compesado polo perxuízo que esa utilización lle poidera ocasionar. O pacto tamén afecta ás obras visuais, sempre e cando estean integradas en obras impresas ou audiovisuais.

Fonte: AGE