Agadic recuperará a Feira dás artes escénicas en outono

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) recuperará a Feira das artes escénicas galegas como unha cita profesional para dar a coñecer as producións da temporada en Galicia. A feira terá tres días de duración e terá lugar en Santiago, na primeira semana de novembro, probablemente entre os días 4 e 6.

Segundo o director da Agadic, Jacobo Sutil, a celebración da feira «é unha petición do sector, que ten que estar orientada a programadores e público profesional e que ten que servir como plataforma para que quen programa teatro en Galicia teña coñecemento directo das obras».

Sutil considera que a celebración desta cita «ten que redundar no coñecemento do que se produce en Galicia, nas posibilidades de contratación e, por extensión, na calidade do que se fai».

Segundo o director da axencia, a duración da feira será de tres días, pero a intención da Agadic é que este evento profesional quede vencellado á programación das redes de teatro galegas. Neste sentido, a intención é que a institución abra o prazo de solicitudes de contratación de espectáculos na rede escénica que promove despois da finalización da feira: «Deste xeito, os programadores poden comezar a facer as súas peticións unha vez vistos os espectáculos».

A feira de teatro abrirá en setembro o prazo para que as compañías se inscriban para participar e desde Agadic pretenden que a celebración da cita «non sexa un bolo para as compañías senón que sirva para unha selección mellor por parte dos programadores». Jacobo Sutil considera que o interese dos distintos sectores escénicos «xustifica que desde a axencia se apoie a celebración da feira», pero explica que é necesaria «unha concepción máis profesional e máis útil da celebración dun evento así».

Sutil sinalou que aínda non hai «un presuposto pechado para a organización da feira», pero indicou que terá que ser necesariamente «modesto en comparación cos orzamentos que se manexaban hai anos, pero o respaldo á feira ten que entenderse como a intención da Agadic de atender ao sector».

Fonte: La Voz de Galicia