AMTEGA achegará 9.000 euros en 2013 para contribuír á consecución do dominio .gal

Para contribuír á finalización do proceso para acadar un dominio para a lingua e a cultura galegas a director da AMTEGA, Mar Pereira, e o presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González, asinaron hoxe un convenio de colaboración a través do que o organismo da Administración autonómica achegará este ano 9.000 euros para financiar as xestións relativas á candidatura presentada ante ICANN, continuando así coa liña de colaboración principiada en 2007.

Dentro das cantidades económicas subministradas pola Xunta estarían os custos de matrícula (150.000 euros) e o aval (40.000 euros) esixidos pola ICANN para poder presentar a candidatura galega, aos que habería que sumar as accións de difusión e participación nas actividades da Asociación PuntoGal coa ICANN e outras entidades.

ICANN prevé avaliar as candidaturas recibidas antes de rematar o verán, e de superar a candidatura galega tal exame principiaríase un proceso que posibilitaría que a finais do presente ano ou a primeiros de 2014 podamos gozar dun dominio .gal que sirva de bandeira da nosa cultura na Internet.

Contar cun dominio para a lingua e a cultura galegas facilita a localización de contidos dixitais no noso idioma e a creación dunha identidade na Rede, servindo tamén para indicar a galeguidade de entidades e servizos, así como para que compañías de fóra poidan abrir unha fiestra á nosa comunidade dirixíndose na nosa lingua (como xa están a facer algunhas multinacionais cos cidadáns cataláns a través do dominio .cat).

No acto de sinatura desta mañá o presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González, destacou que foi o apoio de máis de 110 institucións de todos os espectros sociais e máis de 13.700 cidadáns o que posibilitou que a candidatura estivese en condicións de superar o exame da ICANN e, tras agradecer o apoio da AMTEGA, engadiu que o obxectivo do novo dominio de primeiro nivel é ser autosuficiente, reinvestíndose todos os beneficios que acada a comercialización de dominios no fomento do galego nas TIC.

Fonte: Codigocero