Andrea Maceiras e Xosé Tomás participan na X Xornada dos Clubs de lectura

O 17 de xuño celebrouse en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos) a X Xornada dos Clubs de lectura, unha iniciativa integrada no programa HORA DE LER da Consellería de Cultura, Educación e O.U. desde 2007, ano no que se publicaba a primeira convocatoria en apoio do funcionamento de clubs de lectura nos centros de ensino secundario de Galicia. Desde aquel primeiro curso 2007/2008 no que se puxeron en funcionamento os primeiros cen clubs de lectura foron moitos os rapaces e rapazas, foron moitos tamén os adultos dos distintos sectores da comunidade educativa, que participaron nos diferentes grupos de lectura que se foron creando nos centros.

Con cada convocatoria medra o número de centros de ensino con club de lectura Neste curso 2016/2017 son un total de 243 centros que matriculan alumnado de secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas de idiomas, ensinanzas de persoas adultas).

Co gallo da celebración dunha década dos clubs de lectura, a Consellería de Cultura, Educación e O.U. convocou ao profesorado que coordina estes clubs de lectura á sesión formativa de carácter anual e ampliou esta convocatoria a preto dun milleiro de lectores e lectoras procedentes dos diferentes clubs de lectura do ámbito educativo galego. Un programa ambicioso que ofreceu aos participantes a oportunidade de compartir un tempo cos seus autores e autoras preferidos, ou de achegarse a diferentes territorios culturais relacionados coa palabra: o cómic, o teatro, o cine, a música, a cultura urbana e sempre, sempre, a literatura.

Este ano contaron coa presenza de Andrea Maceiras, autora de varias obras de Baía Edicións como Violeta Tamurana, O segredo do lagarto arnal e Miña querida Sherezade, que participou no ‘Encontro con autores/as: “Literatura de viaxes”’. Estivo acompañada por Rosa Aneiros e moderou Montse Pena Presas.
Tamén participou Xosé Tomás, autor e ilustrador de varias obras de Baía Edicións como Fadita fosca, María é maior, Carolinas e os caracois, O tempo do revés, Boa Sorte, O pirata Metepata, os libros de Rodribico etc., que participou no obradoiro de banda deseñada “Coñecete a través dos cadradiños”.
Desde Baía Edicións queriamos felicitar ás Bibliotecas escolares polo gran labor que fan ano tras ano promocionando a lectura a todos os niveis. Parabéns!