As diferencias económicas e sociais evidéncianse no consumo de medios

En Galicia, como en calquera sociedade, as diferencias económicas e sociais evidéncianse no consumo de medios. Cabeceiras, emisoras e canles de televisión amosan a través das series estatísticas do Estudo Xeral de Medios, procesadas pola consultora Avante Medios, as preferencias dos grupos sociais e económicos do país á hora de consumir información e entretemento. E hai datos moi interesantes.

Unha análise do consumo da prensa amosa un primeiro detalle de interese: a clase alta de Galicia parece manifestar un especial interese polos medios editados en Madrid. Ao redor do 25% dos lectores de El País e El Mundo en Galicia pertencen á considerada clase alta. É de salientar como os medios de capital galego son lidos por un espectro social máis amplo, no que se incrementa a clase media baixa e a baixa conforme os diarios teñen base nas provincias do interior de Galicia, como El Progreso e La Región. Os xornais deportivos son os que teñen unha base social de lectura de menor poder económico.

Na radio, mentres a clase alta galega parece decantarse por Radio Nacional de España e Onda Cero, as clases baixas e media-baixas escollen para informarse a Radio Galega e a COPE. No ámbito da radiofórmula, obsérvanse grandes diferencias entre Kiss FM e Cadena 40, Cadena 100 e Cadena Dial. Kiss FM consegue posicionarse exactamente como producto para un amplísimo espectro de clase media e clase media-alta. Pola contra, as outras radiofórmulas diversifican o seu espectro cara as áreas de menos poder adquisitivo, destacando Cadena Dial como a emisora con máis oíntes de clase baixa.

Aínda que o estudo non contempla a enorme diversificación canles que chegan a través das operadoras de telecomunicacións e a fragmentación da audiencia, a clase alta revélase como unha parte importante da audiencia dunha canle minoritaria, como La 2, e de La Sexta. A TVG, como se pode observar, a través das súas dúas canles, é a televisión hexemónica, cunha clara diferencia, con respecto ás outras, en acadar a clase baixa e media baixa.

Fonte: Culturagalega