As empresas galegas usan máis software de código aberto que a media española

A fenda tecnolóxica que durante anos existiu entre Galicia e España en moitos indicadores relacionados coa Sociedade da Información desapareceu xa en moitos eidos ou mesmo se pode enunciar á inversa, sobre todo en certos grupos de idade ou sectores. Os datos ofrecidos polo informe La Sociedad de la Información en España, da Fundación Telefónica, correspondentes a 2013, confirman o crecemento cuantitativo e cualitativo do uso de internet e das novas teconoloxías en Galicia, onde o 65,3% da poboación afirmou ter empregado a rede nos últimos tres meses, unha cifra aínda seis puntos por debaixo da media española (71,6%).

Porén, se atendemos a outros indicadores, vemos como os galegos e galegas menores de 45 anos utilizan Internet moi por riba da media do Estado. Son usuarios habituais da rede o 85% dos galegos e galegas que contan entre 35 e 45 anos, fronte ao 83,5% dos españois nesa franxa de idade. Galicia tamén mellora a media nas persoas entre 25 e 35 anos (93,3% fronte a 92%).

Outros indicadores tamén amosan esta realidade. Galicia é a segunda comunidade autónoma no uso da Administración electrónica para obter información de páxinas web e en descarga de formularios oficiais. Un 61,5% dos internautas galegos obtivo información de webs da Administración (5,5 puntos máis que a media estatal) e un 43,1% descargou formularios oficiais (3,5 puntos máis que a media estatal).

De igual xeito, Galicia é a segunda comunidade autónoma coa maior porcentaxe de fogares (o 55%) que se conectan a Internet dende dispositivos móbiles (tanto telefonía como tabletas), superando en oito puntos a media estatal. O mesmo sucede con indicadores coma o do comercio electrónico. O 22,7% dos españois mercan habitualmente a través da rede (cando menos unha vez nos últimos tres meses), algo por riba dos datos de Galicia (21,2%). Pero, de novo, analizando os datos por idades, vemos como entre os 25 e os 35 anos o 41,7% dos galegos mercan habitualmente en Internet (fronte á media española do 35%), e o mesmo pasa nos que teñen entre 35 e 45 anos (34,9% en Galicia, fronte a 30% no conxunto de España). Por riba de 45 anos o diferencial é claramente positivo a favor de España.

E o mesmo podemos destacar ao analizar os datos das empresas galegas de máis de dez traballadores. Un 98,2% das empresas galegas de 10 ou máis empregadas ten contratada conexión a Internet, superando a media estatal (98%), e un 99,3% destas dispón de banda larga. Ademais, o 64,4% destas empresas dispón de páxina web e o 74,4% utiliza software de código aberto, 3,9 puntos máis que a media estatal. O informe da Fundación Telefónica tamén destaca que “emerxen novas solucións TIC no ámbito empresarial” e, por exemplo, un 16,3% das empresas galegas de 10 e máis traballadoras utilizan cloud computing, un 25,6% participaron en medios sociais, un 11,6% empregou canles de contidos multimedia e un 10,5% fixo uso de blogs ou Twitter.

Onde Galicia aínda se sitúa por debaixo dos indicadores do conxunto de España é nas pequenas empresas, de menos de 10 empregados, que constitúen a meirande parte do tecido empresarial do noso país. Iso si, neste eido, o diferencial foise reducindo nos últimos anos. Un 71,2% das microempresas galegas dispón de fronte, fronte ao 71,6% do Estado; o crecemento en Galicia foi dun 13,6%, moi superior ao estatal (0,4%), reducindo nun ano a fenda de 8,6 a 0,4 puntos. O 64,9% das microempresas galegas ten conexión a Internet, aumentando un 12,3% e reducindo a distancia coa media estatal en 6,6 puntos. Un 28,1% das microempresas con conexión a Internet dispón de web, un 15,2% máis que o ano anterior.

O informe tamén destaca que “o sector TIC ten especial relevancia no tecido empresarial galego”, pois Galicia é a quinta Comunidade en número de empresas TIC (2.029), cun crecemento do 2,7% e emprega 15.144 traballadores e traballadoras.

Fonte: Praza