As Revenidas reunirá de novo Os Diplomáticos

As datas xa están elixidas. Se a autoridade bota un cable e o tempo non o impide, o festival de maior implicación popular de Vilagarcía, As Revenidas, desenvolverase en Vilaxoán o fin de semana do 20 de xullo. A tradición gastronómica das sardiñas asadas unirase, como sucede desde hai dez anos, a unha proposta cultural e musical potente. É máis, nesta ocasión, e co gallo do seu décimo aniversario, a cita vilaxoanesa pechou a actuación dos Diplomáticos de Montealto, que volven aos escenarios coa súa formación mítica e o carismático Xurxo Souto á fronte. Esta é só a primeira, pero non a única, baza que a asociación A Repichoca, que organiza a andrómena, reserva para unha edición que coincide coa conmemoración do centenario da fusión de Vilaxoán, Carril e Vilagarcía. Á vista do programa que está en marcha, a festa das sardiñas anúnciase como o único e principal evento que acollerá o antigo municipio.

As cousas, en calquera caso, non están demasiado claras polo que respecta ao apoio público a un festival que, lonxe de limitarse á música, ofrece unha ampla programación cultural durante dúas xornadas enteiras, pensada para todas as idades e en boa parte gratuíta. Non os concertos, posto que a axencia autonómica Agadic esixe, á hora de poder acceder ás súas axudas, que a organización cobre unha entrada. O cartel inclúe, neste caso, un mínimo de doce bandas, o 40% delas galegas, que de momento só conta cunha subvención de 6.500 euros por parte da concellaría de Cultura, mentres no 2011 esta cantidade traducíase en 15.000 euros. A convocatoria do Agadic, pola súa banda, aínda non se activou.

A Repichoca mantén que o sentido da festa só pode sosterse en Vilaxoán. No entanto, ao cartel de bandas ao que ten acceso o festival parecen saírlle varias outras noivas en municipios próximos, á espera da súa confirmación.

Fonte: La Voz de Galicia

Foto