Atopan o primeiro texto científico realizado polo astrónomo Ramón María Aller, datado en 1907

Paso de Mercurio por delante del disco del Sol el 14 de noviembre de 1907. Observaciones verificadas en Lalín.

Vén de ver a luz un texto inédito manuscrito de 40 páxinas de Ramón María Aller, atopado recentemente nos fondos bibliográficos do Observatorio Astronómico da USC. O documento está publicado en formato facsimilar no último número de Descubrindo. Anuario de estudios e investigación de Deza.

José A. Docobo, director do Observatorio compostelán e prologuista do facsímil, explica que “dado o seu interese e calidade, o documento abrangue todos os requisitos para ser considerado unha publicación científica”, o que ademais convertería a este documento, titulado Paso de Mercurio por delante del disco del Sol el 14 de noviembre de 1907. Observaciones verificadas en Lalín, “na primeira publicación ao tempo que a última do currículo do sabio lalinense”.

José A. Docobo explica que “dado o seu interese e calidade, o documento abrangue todos os requisitos para ser considerado unha publicación científica

Docobo destaca que o propio astrónomo e matemático Ramón María Aller Ulloa fixera constar que a súa primeira publicación científica data de 1912 e correspóndese coas observacións do cometa de Joannesburgo (1910a), incluídas nun traballo do Anuario do Observatorio de Madrid. Non obstante, constaba a súa participación anterior tanto na observación da eclipse de Sol de 1905 como na obtención dos rexistros do tránsito de Mercurio por diante do disco solar en 1907. A existencia destes últimos estaban garantidos por unha carta de contestación de Francisco Iñíguez, daquela director do Observatorio de Madrid, aínda que das observacións en si non se tiñan referencias.

Fonte: Praza pública