Baía Edicións asiste á Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participará, a partir deste luns e até o próximo día 22, na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia, a través dunha caseta no que estarán representadas un total de 21 editoriais galegas.

Ademais, neste evento, tal e como indicou a Xunta nun comunicado, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentará o catálogo ‘Galician Books for Children and Young Adults 2012’, editado pola consellería.

Así mesmo, Anxo Lorenzo manterá encontros institucionais con membros da Presidencia da Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (Oepli) e do International Board on Books for Young People (IBBY).

Na caseta da Xunta daranse a coñecer as novidades das distintas editoriais que estarán representadas. Son Baía Edicións, Galaxia, Xerais, Linteo, Cumio, Obradoiro, Ir Indo, Rodeira-Edebé, Everest Galicia, O Patito, Primeira Persoa, Novagalicia, Toxosoutos, Kalandraka, Kns, Oqo Editora, Ouvirmos, Sotelo Branco, Embora, Lóstrego e Tambre-Edelvives. Tres delas, Novagalicia, Oqo Editora e Kalandraka, contarán con caseta propia.

Fonte: GaliciaHoxe