Baía participará na Feira Internacional do Libro de Fránkfurt

Do 7 ao 12 de outubro o sector galego estará representado na Feira do Libro de Fránkfurt por profesionais de Nova Galicia Edicións, Kalandraka Editora, Ouvirmos, Baía Edicións, Hércules de Ediciones, KNS Ediciones, Arnoia Distribucións e Asociación Galega de Editores. A Cámara de Comercio de Santiago colabora na organización da visita cunha importante  axuda á presenza individual dos editores e dos seus stands. A institución cameral despraza a Fránkfurt a unha das súas profesionais. A AGE ten previstas diversas reunións e entrevistas con axentes editores do sector internacional.

O stand colectivo da Xunta de Galicia contará cunha mostra de libros dos editores que traballan na feira. Segundo unha nota publicada na web da Xunta de Galicia viaxa a Fránkfurt o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Tamén estará na feira convidado pola institución autonómica, o ilustrador Xosé Tomás, que ten previsto ofrecer dous obradoiros de ilustración.

Finlandia é o país convidado do ano 2014.

A primeira Feira do Libro de Fránkfurt data do ano 1480

A Feira Internacional do Libro de Fránkfurt continua sendo unha cita obrigada para os editores de todo o mundo. Desde o século XV e co desenvolvemento da moeda e dos negocios relacionados con ela foron sentándose as bases  do mercado, os bancos, etcétera. A cidade alemana veu sendo protagonista dos cambios e transformacións do sistema económico dese tempo no que as feiras de todo tipo de mercadorías eran a oportunidade para o intercambio de bens. Coa imprenta de Gutenberg no ano 1445, os libros comezaron a ser obxectos demandados e ese negocio de material impreso transforma a cidade no  primeiro centro de impresión de libros de Alemania, a finais dese século. No ano 1480  ten lugar a primeira feira de libros desa cidade. Logo de moitas décadas de interferencias e conflitos sociais e políticos, no século XX, concretamente no ano 1907 restablécese a tradición das feiras de Fránkfurt.

Fonte: AGE