Baía Edicións asiste á Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participará, a partir deste luns e até o próximo día 22, na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia, a través dunha caseta no que estarán representadas un total de 21 editoriais galegas.

Ademais, neste evento, tal e como indicou a Xunta nun comunicado, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentará o catálogo ‘Galician Books for Children and Young Adults 2012’, editado pola consellería.

Así mesmo, Anxo Lorenzo manterá encontros institucionais con membros da Presidencia da Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (Oepli) e do International Board on Books for Young People (IBBY).

Na caseta da Xunta daranse a coñecer as novidades das distintas editoriais que estarán representadas. Son Baía Edicións, Galaxia, Xerais, Linteo, Cumio, Obradoiro, Ir Indo, Rodeira-Edebé, Everest Galicia, O Patito, Primeira Persoa, Novagalicia, Toxosoutos, Kalandraka, Kns, Oqo Editora, Ouvirmos, Sotelo Branco, Embora, Lóstrego e Tambre-Edelvives. Tres delas, Novagalicia, Oqo Editora e Kalandraka, contarán con caseta propia.

Fonte: GaliciaHoxe

Política Lingüística e o Consello da Cultura desenvolverán ferramentas para normalización

O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez e mais o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, asinaban esta mañá o acordo polo que as dúas entidades colaborarán no desenvolvemento de ferramentas técnicas para accións de normalización lingüística. Os proxectos, que serán desenvolvidos polo Centro de Documentación Sociolingüística de galicia (CDSG) do Consello da Cultura, inclúen a posta en marcha da Biblioteca para a normalización lingüística, un espazo web que permitirá consultar monografías e documentación depositada neste centro.

Canda a isto, as dúas institucións iniciarán o estudo para desenvolver a plataforma en rede d-Lingua, pensada para compartir de xeito libre e aberto, con licenza Creative Commons, contidos e propostas de normalización no marco da Rede de Dinamización Lingüística. Do mesmo xeito, o CDSG elaborará un boletín mensual de novas para esta entidade e desenvolverá a aplicación Lingua en titulares, un buscador que permitirá localizar información de actualidade vencelladas á lingua, con acceso mediante web e dispositivos móbiles.

Na súa intervención, Vázquez lembrou que o Consello da Cultura fai parte da Rede de Dinamización desde o seu comezo e adiantou que en poucas semanas vaise formalizar a integración nesta entidade de 20 novo membros, que se suman aos 97 que a conforman.

No marco do acordo de colaboración inclúese tamén a actualización do Kit para normalización lingüística que elabora do CDSG. O acordo conta cun orzamento total de 41.000 euros, dos que a Consellaría de Cultura achega 36.000.

Fonte: Culturagalega

Neira Vilas lembra ao «eterno» Isaac Díaz Pardo

Con móbil, televisión e ordenador, o Balbino de hoxe dominaría a informática e iría cada día en coche a unha escola moderna. Xosé Neira Vilas fixo onte no programa Vía V, de V Televisión, un exercicio de imaxinación de como sería o protagonista de Memorias dun neno labrego se a novela fose escrita hoxe. «Antes os rapaces íamos á escola cando chovía, porque se non chovía había que traballar na casa -lembrou o autor desta obra de referencia da literatura galega-. Non sei se eramos máis felices, pero si máis vitais».

 

O escritor e intelectual galeguista lembrou que, no seu momento, redactou a novela «porque quería contrastar as cousas tan falsas que dicían sobre os campesiños os que escribían sobre o rural desde a cidade».

 

Neira Vilas lembrou ao seu amigo e compañeiro na emigración Isaac Díaz Pardo, recentemente falecido, do que «a xente pensaba que era eterno e inmortal». Del destacou o seu carácter «popular e humilde» e a simpatía que o facía tan cercano aos demais.

 

Acerca da presente situación de Galicia, dixo que, no actual contexto de crises, «vanse facendo cousas» no ámbito da cultura, aínda que «con algunha restrición por problemas económicos».

 

Neira Vilas fixo un repaso á súa traxectoria vital e á transcendencia que tivo para el a súa etapa de emigrante no Bos Aires dos anos cincuenta, que era «a capital cultural de Galicia». «A emigración para min foi un feito feliz, porque alí empecei a tomar en serio a miña vocación de escribir -dixo-. E, ademais de escribir, alí descubrín Galicia e convertinme en activista cultural en galego xa de por vida».

 

Fonte: La Voz de Galicia

Case o 13% dos máis de 670.000 contratos asinados en Galicia en 2011 foron de 15 días

Case o 13% dos 671.449 contratos asinados en Galicia durante o pasado ano foron de 15 días, o que, segundo conclúe un informe realizado polo sindicato nacionalista CIG, mostra o incremento “de forma brutal” da precariedade laboral tras as reformas aprobadas polo PSOE e o PP.
En rolda de prensa, a economista Natividade López Gromaz e o secretario confederal de Emprego da CIG, Antonio López Rivera, presentaron o informe ‘A realidade laboral en Galicia. 2011, mal ano para o emprego’.
Ao fío do nome do estudio, López Rivera ironizou co seu “optimismo”, pois o exercicio pasado foi “fatal” para a Comunidade Autónoma en termos de emprego, ao perder 17.700 persoas ocupadas e aumentar en 28.000 o número de parados.
Neste sentido, a economista e membro do gabinete técnico confederal da CIG evidenciou que, malia a caída de poboación ocupada e o crecemento do desemprego, se rexistraron un total de 671.449 contratos na Comunidade Autónoma.
Esta evolución explícase, resaltou, debido á ampla utilización do contrato a tempo parcial. Así, o 12,9% dos contratos son “solo de 15 días”, segundo recolle o informe.

CASE 3 CONTRATOS POR TRABALLADOR 
De media houbo, durante 2011, 209.700 persoas asalariadas con contrato temporal “que se repartiron os 617.807 contratos temporais rexistrados, o que significa unha media de 2,9 contratos por traballador”, resalta.
Mentres as persoas ocupadas a xornada completa descenderon nun 2,2% con respecto a 2010, as ocupadas a tempo parcial subiron un 2,8% e solo un 37,3% foron contratos por un tempo indeterminado.
Caen os traballadores a xornada completa e increméntanse os de xornada parcial tanto entre os homes coma entre as mulleres, pero en maior medida entre os homes. Aínda así, as mulleres representan o 76,8% dos traballadores a xornada parcial, apunta o estudio.
Por provincias, a CIG constata que Pontevedra é “a máis afectada pola crise” e, por sectores, a construción ocupa o primeiro posto en destrución de emprego, co 78,5% en 2011.

A CONSTRUCION, POR DEBAIXO DE NIVEIS DE 1996 
Neste extremo, o informe da central sindical chama a atención sobre o feito de que “solo no último ano” baixou un 13,2% a ocupación na construción e, se a comparativa se fai con 2007, o retroceso é do 38%.
De feito, incide o texto, “dos 110.400 postos de traballo que se destruíron en Galicia neste quinquenio, o 50,7% foi nas actividades relacionadas coa construción”.
Así as cousas, o número de ocupados neste ámbito é de 91.300 persoas, cifra inferior aos que de media se estimaban antes do inicio da fase expansiva, en 1996, cando o dato de empregados superaba os 98.000.

OUTROS DATOS 
A evolución foi tamén negativa en 2011 para os asalariados (-1,8%), con 15.300 menos. Dende 2007 son 74.100 os traballadores por conta allea que perderon o seu posto de traballo: o 67% do total da perda de ocupación, segundo a análise.
Dende o punto de vista do xénero, a CIG subliña que “non solo se está a destruír moito máis emprego masculino que feminino en xeral, senón que entre os empresarios están a desaparecer unicamente homes e nacendo empresas a nome de mulleres”.
A poboación estranxeira, así mesmo, está a “ser a máis prexudicada pola crise”, mentres que o maior aumento do paro se produce entre os que levan máis de dous anos en busca de emprego, apunta o texto.
Entre outros datos confeccionados a partir da EPA e a enquisa de paro rexistrado, o estudio do sindicato sinala que os mozos son sopórtanos as maiores taxas de desemprego -o 17,4% en 2011-. Ademais, reflicte que “só o 53% das persoas paradas con dereito a prestación perciben a prestación contributiva”.

Fonte: GaliciaHoxe