A USC é a primeira universidade de España en matemáticas

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) alcanza a primeira posición en España dos centros académicos en matemáticas e figura nas dez mellores en catro de doce ámbitos científicos, segundo unha clasificación da Universidade de Granada.

“Das 37 disciplinas científicas que se analizan no ranking, en 3 delas a USC logra situarse no top cinco nacional”, segundo un comunicado divulgado polos autores desa clasificación.

Engade que a USC sitúase nunha terceira posición en odontoloxía e cuarta en Farmacia e Toxicoloxía, e en Ciencia Política. Así mesmo, destaca a sexta posición que ocupa na disciplina científica de Bioquímica, Bioloxía Celular e Molecular.

Fonte: Galiciaé

aCadaCanto crea a súa música para a tenda da esquina

aCadaCanto é unha locución adverbial. Un bergantín feito a man, desde a primeira nota ata a súa produción, para enfrontarse ao Goliat das ideas marchitas. Música popular ou un verso de Álvarez Blázquez.

Ata o momento, Guadi Galego e Xabier Díaz quentaran as súas voces xunto ao guitarrista Guillerme Fernández baixo a luz tenue dos bares. A aquel popurrí únese un acordeón, o de Xosé Lois Romeu, quen admite tamén a responsabilidade de percutir os arabescos do seu instrumento para dar ritmo a aCadaCanto. O que antes era un divertimento, agora adopta o ton serio das camisas brancas e os selos discográficos. Este álbum –que interpretarán mañá no Teatro Principal de Santiago–, é o sexto de Músicas de Salitre, a compañía que Díaz e Fernández erixiron da nada en 2005.

Os seus acordes vernáculos non se pon á venda a calquera prezo. Estes compañeiros casuais noutros grupos como Espido ou Nova Galega de Danza acordaron despachar o seu disco só naqueles comercios nos que “valoren o que facemos”, lonxe do anonimato dos grandes almacéns. E procuran que o seu mecenas sexa o auditorio. Case todas as pezas son de creación propia, e, con todo, algúns refráns comezaron a conxugarse tras horas e horas manexando a aixada baixo un sol de xustiza en Moscoso (Pontevedra). Anos despois, Xabier Díaz rescataríaos de entre os toques que ganduxaban con cafés e galletas a señora Rosa e a súa irmá, para encaixalos neste disco con vocación transitoria.

Fonte: El País

Plenario extraordinario da RAG centrado en Celso Emilio Ferreiro

A xornada deu comezo ás 11:30 horas cunha recepción na Casa do Concello. O acto contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Asistiron tamén o alcalde de Celanova, Antonio Mouriño, os deputados Ana Belén Vázquez, Manuel Vázquez, Santiago Rodríguez-Miranda e Francisco Cerviño, académico correspondente desta corporación, entre outras autoridades, membros da Academia, e figuras da cultura.

Tras a recepción, autoridades, académicos e público asistente, trasladáronse en cortexo cívico ata a casa natal do poeta, no número 25 da rúa Curros Enríquez. En primeiro lugar, tomou a palabra Antonio Mouriño, alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez, que agradeceu, “no nome do pobo de Celanova”, a colaboración da Xunta de Galicia e da Real Academia Galega no desenvolvemento do ano Celso Emilio Ferreiro. Mouriño lembrou algúns dos proxectos levados a cabo na vila, como ‘Cen anos, cen comercios, cen poemas’, ‘Ven coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio’ ou o debuxo, plasmado na Praza Maior, á semellanza daquel que Picasso deseñara para ilustrar o libro de poemas Longa noite de pedra, que favoreceron a visita de preto de 2.000 alumnos ao longo deste curso.

A continuación interviu Luís Ferreiro Loredo, fillo do homenaxeado e presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro, que subliñou “a voz rexia, contestataria e de protesta” da poesía de seu pai e, ao mesmo tempo, a súa vixencia hoxe en día, “que se expresa en músicas novas coma o rap e o punk”. Rematou a súa intervención cuns versos do poeta.

A seguir, o presidente da Academia recoñeceu a Celso Emilio como “meu amigo, meu mestre, meu camarada” e considerouno “un poeta xemelgo, ou paralelo, de Curros Enríquez”, por teren sido ambos os dous poetas críticos en tempos escuros e de “talento literario fastuoso”. Finalizou clasificando o homenaxeado coma “un grande poeta e un grande home” que “está perfectamente vivo entre nós”.

Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, afirmou a continuidade da cultura galega a través da historia e a importancia da vila de Celanova como berce de poetas senlleiros. Salientou o papel do poeta para a comunidade e afirmu “Celso Emilio non calou, por iso nin a alegría, nin a luz, nin a esperanza se apagaron”, por iso “hai cen anos que naceu a súa palabra e non esmorece”.

Para rematar o acto, a banda de música de Celanova, interpretou o himno galego.

O cortexo cívico trasladouse ao Auditorio Municipal Ilduara, onde tivo lugar a sesión plenaria extraordinaria da Academia. Abriu a sesión o presidente, agradecendo ao Concello e á Fundación Curros Enríquez a súa xenerosa colaboración e ás autoridades, á familia do homenaxeado e ao público a súa presenza. A continuación, o secretario, Xosé Luís Axeitos, deu lectura á certificación do acordo, que se tomou en sesión ordinaria do Pleno o 30 de marzo de 2012, para a celebración deste plenario extraordinario. En primeiro lugar, interviu a académica de número Margarita Ledo Andión cunha alocución que titulou, “Celso: editor clandestino”, na que fixo memoria do labor do homenaxeado como propagandista político. Destacou “a importancia da forma na configuración do nacionalismo” e “a construción do noso imaxinario nacional a partir da espiral”. Lembrou que, nos últimos anos da década de 1960, se “desenvolveu unha pegada nunca subsumida na retórica esencialista”. Rematou o seu discurso reivindicando a vixencia das palabras de Celso Emilio: “a miña terra é íntima e tenra, pero a xuventude fuxe dela á procura de pan”.

En segundo lugar, o académico Darío Xohán Cabana Yanes destacou a influencia de Celso Emilio e Curros Enríquez na súa formación como poeta: “foron os dous de Celanova, os virxilios que guiaron os meus primeiros pasos na literatura”. Sinalou tamén a dificultade que, para as xeracións máis novas, supón comprender o impacto de Longa noite de pedra tivo naquela altura, pois “chegou a vender quince ou vinte mil exemplares en tempos sen galego no ensino”. Para Darío Xohán Cabana, “Celso Emilio era o novo Curros, era o símbolo da loita antifranquista. Era o gran poeta que todos queriamos imitar”.

A continuación, o académico e vicesecretario, Francisco Fernández Rei, expuxo unha alocución sobre a lingua de Celso Emilio, especialmente, a lingua de Celanova na súa obra. Segundo explicou o académico, os textos do homenaxeado manifestan solucións aurienses, isto é, propias da súa zona, como o uso da forma il, para o pronome persoal, e outras alleas, como a forma ista, para o demostrativo, procedente do galego literario e creada con vontade diferencialista. Sinalou, neste sentido, un abundante uso de hipergaleguismos, como as formas asembrea e outo, no canto de asemblea e alto, na tradición diferencialista oteriana; a introdución dalgúns lusismos adaptados ao galego, como a palabra búsola; e a formación de palabras novas, como afermosar ou televexo, un termo que o Tesouro Informatizado da Lingua Galega rexistrou, por vez primeira, na obra de Celso Emilio.

Por último, o académico Salvador García-Bodaño Zunzunegui, interviu cun discurso arredor da complexidade vital e da obra do homenaxeado. Recoñeceu en Celso Emilio “o poeta de maior difusión social”, despois do Rexurdimento. “En cidades e vilas daquel tempo, homes e mulleres comprometidos, repetían lecturas ou as entonaban cos representantes da Nova Canción Galega”. García-Bodaño coincidiu co profesor e académico Alonso Montero en que “n’O soño sulgado se asenta a soeira da mellor poesía vindeira de Celso Emilio”. Por último, leu un poema elexíaco da súa autoría dedicado ao poeta de Celanova co título “Palabras para o seu retorno posible”.

Antes de pechar a sesión, o presidente da Academia defendeu que o poeta celanovés “debe ser comprendido como unha totalidade” e considerouno coma un poeta “globalmente dominado pola sensación da perda: a perda patria primitiva, que el chama Celanova, que é a perda da infancia”. Reivindicou, asemade, a potencia da obra e da figura de Celso Emilio, “suxeito histórico que actúa sobre a literatura galega, condicionándoa, pois impón unha maneira de entender a literatura social”. Neste sentido conclúe: “a literatura galega, grazas a Celso Emilio Ferreiro, ten unha historia distinta da literatura española. É autónoma”. Finalmente, celebrou a vitalidade de Celso Emilio Ferreiro e afirmou que “as súas palabras non se perderán nunca en Galicia”.

O presidente pechou a sesión plenaria e, como colofón, tivo lugar unha actuación do recoñecido cantautor Amancio Prada, que interpretou poemas musicados do poeta celanovés.

Fonte: Real Academia Galega

Foto: Imaxe do pleno [ Fotografías de Xoán Crespo / Xunta de Galicia ]

A troika controlará o rescate aos bancos españois

O ministro alemán de Finanzas, Wolfgang Schäuble, anunciou hoxe que as instancias europeas controlarán de cerca o proceso de reformas da banca española que será financiado con axudas de ata 100.000 millóns de euros. A troika, formada pola Comisión Europea, o Fondo Monetario Internacional e o Banco Central Europeo será a encargada do control ao rescate á banca española.

«Vai haber unha troika do mesmo xeito que a houbo noutros casos. E así de igual se supervisará para que o programa sexa cumprido», sostivo o político xermano en declaracións á radioemisora Deutschlandfunk.

Schäuble aclarou, con todo, que o control se limitará á reestruturación do sector financeiro. España anunciou o sábado que solicitará un apoio financeiro para sanear ao seu sector bancario. O titular alemán de Facenda deu a entender que a iniciativa de rescate á banca de España foi tomada polos europeos en base á experiencia do ocorrido tras o estalido da burbulla inmobiliaria en Estados Unidos. «En base á lección da crise de entón, aconsellamos a España: Deben dotar aos bancos de suficiente diñeiro, queiran ou non».

Fonte: La Voz de Galicia

Os cadernos de Rubio adáptanse ao iPad

Para adaptarse aos novos tempos os tradicionais Cuadernos Rubio dan o salto do papel ao dixital cunha nova aplicación para iPad dende a que é posible acceder a cadernos de Operacións, Problemas e Educación Infantil, que poden probarse de balde ou mercarse a un prezo de 0,79 euros, incluíndo cada un máis de 20 niveis que permite desbloquear operacións secretas, o que fai que aprendizaxe sexa un reto.

A aplicación iCuadernos integra un caderno de notas para que os cativos poidan facer os borradores das súas operacións empregando o dedo coma se fose un lapis, mecánica que tamén pode empregarse nos cadernos de Educación Infantil, que incluirán numerosos exercicios de pinta e colorea, axudando aos pequenos no seu desenvolvemento intelectual e motriz, nos que os dedos servirán de rotulador do que pode definirse o grosor e as cores.

iCuadernos tamén permite crear perfís para cadanseu usuario, de xeito que rexistra medallas ao completar os niveis de cada caderno.
A colección de Operacións para nenos de máis de 3 anos conta cun total de 12 volumes; os cativos de máis de 6 anos poderán gozar con 13 cadernos de Problemas; e os pequenos de calquera idade poderán acceder a 10 volumes de Educación Infantil.

Fonte: Codigocero

iCuadernos by Rubio from Mono Agency on Vimeo.

Desde hoxe, Sermos Galiza cada sexta feira na rúa

Cada semana, desde esta sexta feira, Sermos Galiza chegará aos quiosques co obxectivo de informar, fornecer claves para a interpretación, entreter e ofrecer novas propostas de lectura e ocio. Este primeiro número suporá un achegamento de lectores e lectoras a este medio que quere conxugar a información e a análise, a reportaxe, a entrevista e o artigo de fondo, para alén de novas propostas de entretimento na nosa lingua.

Neste primeiro número un amplo informe sobre a política municipal fará balance dun ano de gobernos locais. O modelo do PP nos concellos e a mudanza de Pontevedra con Miguel Fernández Lores á fronte serán algúns dos contidos da análise política deste primeiro número. Na ampla sección de social abórdanse temas como a nova lei que regula as condicións das empregadas do fogar, a reforma no currículo de Educación para a Cidadanía e o último episodio da batalla das viciñ@s de Quilmas contra a multinacional Stolt Sea Farm por lles contaminar as terras. En economía e laboral abórdanse as últimas novidades de NGB até o impacto da crise nos fogares de Galiza.

A sección de cultura afonda na crise das artes escénicas e ofrece entrevistas co escritor Agustín Fernández Paz e Ignacio Vilar, o director de Vilamor. O Okapi viaxa a Gres para se atopar coa casa de Xosé Neira Vilas, un centro cultural da aldea para nenos e nenas.

Artigos de Xavier Vence, Carlos Taibo ou Pilar García Negro ofrecerán lecturas e reflexión na saída en papel do noso cabezallo. Alén diso, Sermos Galiza aposta por propostas novidosas como a sección de información infantil, a de deseño, viaxes ou agroconsumo.

Fonte: SermosGaliza

Músicos e escritores recordarán a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria prepara un concerto de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no centenario do seu nacemento, que terá lugar o 14 de xuño en Vigo. A parte musical contará coa participación de Coke Céspedes, Davide e a Coral de Beade. A homenaxe será presentado por Yolanda Castaño e contará cos recitais de Iolanda Zúñiga, Rexina Vega e Inma López Silva.

Fonte e foto: La Voz de Galicia

PROLINGUA PROMOVE UNHA HOMENAXE NACIONAL A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

A plataforma cidadá ProLingua quere convidalo á Homenaxe Nacional que se lle renderá ao escritor Agustín Fernández Paz o vindeiro 30 de xuño de 2012 en Vigo. O acto, que será conducido por Rosa Aneiros, terá lugar ás 12:30 horas na Sala Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 26). A seguir haberá un xantar programado para as 15:00 no Restaurante Carrís de Vigo ( Avda. Beiramar, 57).

Moito lle habemos agradecer que nos confirme o antes posible a súa presenza, tanto no referido ao acto de homenaxe como ao xantar posterior. No caso de acudir tamén a este último, informamos que o número de prazas é de 250 que se reservarán por rigorosa orde de recepción, e o prezo pactado para cada comensal de 40 euros. Para calquera dos casos as reservas faranse neste enderezo de correo-e homenaxeagustin@gmail.com

O importe do xantar deberá abonarse a través dun ingreso na conta de Novagalicia Banco número 2080 0220 94 3000030913, facendo constar o nome da persoa que fai a reserva e poñendo no recadro do concepto: Homenaxe a Agustín Fernández Paz. Esta será a única reserva válida e deberase mostrar o comprobante do ingreso para participar no xantar.

Co desexo de velo ese día preto de Agustín, reciba un afectuoso saúdo.

A Cerna de ProLingua

P. S
1. A fin de organizar as cousas o máis ao gusto das persoas que asistan, rogamos a aquelas que vaian vir ao xantar que nos indiquen a súa preferencia por peise ou carne no menú do segundo prato.
Para as persoas que non manifesten a súa preferencia entenderemos que prefiren que se lles sirva o menú de carne.

Tamén lle rogamos, co mesmo fin, que nos indique se prefire un menú vexetariano ou se precisa que se lle sirvan un menú especial para celíacos/as

2. Ao mesmo tempo rogámosvos que difundades a noticia da celebración desta homenaxe entre aquelas persoas que sabedes que lle teñen afecto a Agustin e pensades que puidera non chegarlles este convite.

Fonte: Prolingua

Foto: Agustín Fernández Paz

O PEN Club Internacional presenta un manifesto a favor dos dereitos lingüisticos

O PEN clube internacional fixo a presentación do Manifesto de Girona, un documento no que se aborda o estado dos  dereitos lingüísticos. O Manifesto incide en que “o ensino escolar debe contribuír a prestixiar a lingua falada pola comunidade lingüística do territorio”.

O documento basease na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos e lembra que “toda comunidade lingüística ten dereito a que a súa lingua sexa usada como oficial no seu territorio” e reclama que “o dereito ao uso e protección da lingua propia debe ser recoñecido polas Nacións Unidas como un dos dereitos humanos fundamentais”. Tamén incide en que o ensino escolar debe contribuír a prestixiar a lingua falada pola comunidade.

No acto estivo o presidente da Generalitat de Catalunya e foi coincidente coa xuntanza anual do Comitè Internacional de Tradución e Dereitos lingüísticos do PEN, que tivo lugar en  Barcelona esta semana e no que participaron dezasete países.

Fonte: AGE

Abalar chegará o vindeiro curso a preto de 45.000 alumnos

O Proxecto Abalar, dirixido a favorecer a inclusión das ferramentas dixitais na nosa educación (facendo fincapé no software libre), vai seguir amplificando incidencia e afianzándose nos centros nos que xa foi implantando e máis nos espazos aos que aínda non chegou. Así nolo contou este mércores, en rolda de prensa, a directora Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e máis o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez. A nivel de cifras e datos concretos, informaron, o proxecto implicará o vindeiro curso a máis de 44.000 alumnas e alumnos de 535 centros escolares, dos que 165 incorporaranse a partir do mes de setembro.

Durante a rolda de prensa, convocada para informar das últimas novidades ligadas ao devandito plan, aproveitouse a ocasión para dar conta do acadado a través do convenio con Red.es, de xeito paralelo ao desenvolvemento de Abalar, que permitiu instalar 782 kits de aula dixital en 645 colexios que non forman parte do devandito proxecto, e que beneficia a outros 15.000 estudantes.

Volvendo a Abalar, dicir que durante a cita cos medios deste mércores fíxose fincapé no labor que está a desenvolver o profesorado galego no afianzamento e amplificación do plan, xa que é sobre eles, en boa medida, sobre os que recae este proceso. Para apoialos, a consellería “vai continuar apostando pola formación do profesorado como unha das claves fundamentais do éxito do Abalar”. Deste xeito, informouse, “para os vindeiros meses programaranse 97 cursos de formación, o que suporá 2.975 horas de formación para 2.000 docentes e 230 coordinadores Abalar”. Indicar a maiores que nos dous anos de implantación do proxecto téñense impartido xa 26.461 horas e 697 actividades de formación, das que se beneficiaron 12.234 docentes e coordinadores.

No encontro cos medios tamén se procedeu a salientar o potencial de Redeiras, unha iniciativa posta en marcha hai dous meses como unha rede social “para favorecer a intercomunicación entre o profesorado galego, co fin de fomentar o traballo colaborativo e o intercambio de experiencias como complemento á súa práctica educativa”. E engadiuse, ao fío do devandito: “Redeiras xa conta con preto de 5.500 usuarios rexistrados, e máis de 150 grupos activos, cunha importante actividade, que se reflicte nos vídeos e ficheiros subidos a rede, as entradas de blogs, marcadores e envío o muro, así como as mensaxes intercambiadas entre usuarios”.

Fonte: Codigocero