A escritora coruñesa Pilar Pallarés, galardoada co Premio Nacional de Poesía 2019

A galega Pilar Pallarés foi galardoada hoxe co Premio Nacional de Poesía 2019, por Tempo fósil, unha obra distinguida por transmitir “con profunda sabedoría e emoción” a experiencia da perda, segundo destacou o xurado.

Pilar Pallarés (Culleredo, A Coruña, 1957) é licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, traballa como profesora de literatura galega e colabora como articulista en diversos medios, como A Nosa Terra, El País ou Si scrive.

En 1979, o seu primeiro libro publicado, Entre lusco e fusco, gañou o premio Poesía Nova de O Facho, e, en 1983, a súa seguinte obra, Sétima soidade, gañou o Premio Esquío.

Posteriormente publicou, entre outros, os libros de poemas Livro das devoracións (1996), Poemas (2000), Leopardo son (2011), polo que recibiu o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Amor en feminino: antoloxía das poetas galegas de Rosalía á Xeración dos 80, (2006), Baía Edicións. Edición de Maximino Cacheiro Varela.e Tempo fósil (2018), merecedor do Premio da Crítica 2018.

O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros.

O xurado distinguiu a obra de Pallarés por “transmitir con profunda sabedoría e emoción, a un tempo lúcida e desgarrada, a experiencia da perda e da destrución do vivido, do que nos configura, desde unha conciencia da paisaxe como un corpo vivo”.

O xurado estivo presidido por Carlos Alberdi Alonso, director do gabinete do ministro de Cultura e Deporte, e como vicepresidenta actuou Begoña Cerro Prada, subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas.

 

Feliz Día das Bibliotecas

Desde 1997 celébrase o Día da Biblioteca o 24 de outubro, una conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas. Esta asociación, membro da OEPLI, facilita na súa páxina o cartel e o pregón para esta conmemoración nas diferentes linguas do Estado, obra desta vez do ilustrador Miguel Calatayud e a escritora Gemma Pasqual.

Pola súa parte, o Ministerio de Cultura e Deporte propón este ano 2019 a incorporación do lema “aptas para todos os públicos”, co obxectivo de salientar o papel das bibliotecas na promoción da igualdade de xénero.

As bibliotecas escolares galegas teñen o seu propio lema para este curso 2018/2019, BIBLIOTECA ESCOLAR, VIVEIRO DE CIDADANÍA, que conta cunha imaxe propia creada por Óscar Villán. Os carteis editados con este lema están xa en todos os centros educativos. As bibliotecas escolares están xa en plena celebración do seu día, unha oportunidade para inaugurar novos espazos, abrir as portas á comunidade educativa e presentar ás familias os recursos e as actividades da biblioteca, programar actos específicos nos que lembrar as oportunidades que ofrece a biblioteca para estimular a formación lectora do alumnado e reforzar a adquisición de todas as competencias e contidos incluídos no currículo.

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar as outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas (e todas boas), que son as bibliotecas públicas, eses lugares para a igualdade e a diversidade que son as BIBLIOTECAS.

Baía Edicións celebra este día feliz de contar con moitos dos seus títulos en todas as bibliotecas de Galicia.

Xerardo Quintiá Pérez gaña o II Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade

O Xurado, formado por Ana Luísa Bouza Santiago, socióloga, colaboradora de medios de comunicación, membro do consello de redacción da revista Andaina e administradora da revista Luzes, Montse Pena Presas, profesora da USC, escritora, colaboradora de medios de comunicación e crítica literaria, Patricia Porto Paderne, xerente da libraría compostelá especializada en temática feminista Libraría de Mulleres Lila de Lilith, Pilar Sampedro Martínez, especialista en xestión de bibliotecas escolares / literatura infantil e vicepresidenta de Gálix, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, resolveu conceder por unanimidade o II Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade á obra presentada baixo o lema “O País do Gran Furado”.

Aberta a plica correspondente, a mesma resultou corresponder á presentada polo escritor friolés Xerardo Quintiá Pérez, que leva como título definitivo O País do Gran Furado.

O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:

«O País do Gran Furado é unha obra que resalta polo seu humor irreverente, pola súa transgresión dos contos populares e por reivindicar a poesía, a alegría e a revolución como camiños para procurar a igualdade.

Ademais, a resolución de conflitos desde unha perspectiva pacifista e a través da palabra, nunha historia na que Toribia e a súa banda de punk son quen de axudar a outras mulleres, é outro dos grandes acertos deste texto paródico, distópico e humorístico».

O conto emprega a poesía narrativa como recurso moi apropiado para que o público lector ao que vai dirixido (nenas e nenos de 3 a 8 anos) interiorice máis facilmente a mensaxe da súa historia.

A obra será publicada por Baía Edicións en álbum ilustrado a toda cor na colección Contoxconto antes do mes de outubro e o autor recibirá 5.000 € cos que está dotado este premio.

O Premio Fina Casalderrey de Literatura pola Igualdade trátase do primeiro destas características que se convoca en Galicia, xurdido a raíz das carencias percibidas dalgunhas temáticas nos contos infantís, temáticas  que poden axudar á construción dun imaxinario en igualdade entre mulleres e homes xa desde a infancia, necesario para un mundo máis xusto.

Feliz Día do Libro

O Día do Libro Mundial e dos Dereitos de Autor foi establecido pola UNESCO en 1995. E ao redor desta data, o 23 de abril morreron tres grandes da literatura universal. Miguel de Cervantes (falecido o 22 de abril e enterrado o día 23), William Shakespeare e Inca Garcilaso de la Vega.

Non obstante, moi poucas persoas coñecen a orixe española desta iniciativa ou o feito de que nos seus inicios foi celebrada nunha data moi diferente: o 7 de outubro, cando se cría que o creador do Quijote naceu.

Inicialmente foi Vicente Clavel, o escritor valenciano, quen promoveu a proposta presentada na Cámara Oficial do Libro de Barcelona en 1923 para dedicar un día de cada ano para celebrar o Festival do Libro. Dous anos despois, Clavel reiterou a súa proposta en Cataluña e comezou estes mesmos esforzos en Madrid.

Finalmente, o 6 de febreiro de 1926, o rei Alfonso XIII aprobou e asinou o real decreto que estabeleceu que o 7 de outubro de cada ano conmemoraríase o nacemento de Cervantes cunha festa dedicada ao libro español.

Durante case 5 anos celebrouse nesta data, pero pronto xurdiron as dúbidas e críticas do día escollido. Por unha banda porque o día exacto do nacemento do mestre das letras castelás non se sabe con certeza. E por outra banda porque, tendo en conta que é unha festa de rúa, prestabase máis a que fora en primavera que no outono.

Finalmente, en 1930, acordouse trasladar definitivamente o Festival de Libros ao 23 de abril. A publicación de novidades e a organización de actos de sinaturas de copias coa autoría, tradición que sobreviviu ata a data actual, tamén comezou a xeneralizarse nesa data.

Máis tarde, en 1995, o goberno español presentou á UNESCO a proposta da Unión Internacional de Editoras de establecer esta data de primavera como Día Mundial do Libro. E a resposta non esperou, aprobada ese mesmo ano.

Anos máis tarde, a UNESCO promoveu unha nova iniciativa relacionada co mundo das letras: a cita anual dunha cidade como Capital do Libro Mundial. A decisión é tomada pola Unión de editores internacionais, a Federación Internacional de Librerías e a Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas.

PARA CELEBRAR O DÍA DO LIBRO ESCOLLE ALGÚN DOS TÍTULOS DE BAÍA EDICIÓNS

O proxecto Ferreñas e rock and roll foi seleccionado no II Concurso de ideas “Luisa Villalta” de proxectos culturais pola Igualdade

O proxecto Ferreñas e rock and roll presentado por Baía Edicións ao II Concurso de ideas “Luisa Villalta” de proxectos culturais pola Igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, foi seleccionado entre os dez merecedores de apoio.

O proxecto, autoría de Laura Romero e Iria Pedreira, ten como obxectivo a publicación dunha historia de mulleres avanzadas na música galega (fundamentalmente do século XX), nunha publicación que busca  o coñecemento e divulgación de mulleres que deben ser traídas á memoria ben por ser as primeiras en realizar algún tipo de actividade musical pública (tocar en orquestras, por exemplo) ou ben pola novidade e/ou importancia da súa proposta artística.

“Ferreñas e rock and roll” xurdiulle a Laura Romero de forma natural ao traballar noutro proxecto de catalogación e divulgación exhaustiva das músicas galegas en activo, Músicas Galegas Ilustradas pois nese afán de busca a autora foi percibindo que quedaban fóra outras que foron pioneiras ou que foron casos pouco habituais nun territorio aínda hoxe moi masculinizado por non estar activas na actualidade: a primeira gaiteira documentada, o primeiro grupo feminino, escasos exemplos de grupos de punk feminino nos anos 90, músicas de orquestra cando era raro ata ver mulleres cantando nelas, as poucas mulleres do movemento bravú…

Semellaba inxusto que as músicas actuais esqueceran as que lles precederon e de aí a idea de renderlles homenaxe e poñer a súa actividade en coñecemento tamén da sociedade.

Son historias e anécdotas pouco coñecidas incluso para xente do mesmo ámbito. Algunhas delas son contadas como curiosidades durante os faladoiros e charlas nos que adoita participar Laura Romero.

Estamos moi felices de que o xurado valorara coma nós o esforzo de Laura Romero Pereira leva facendo pola visibilización das músicas galegas.

 

PARABÉNS LAURA E IRIA!!!

MOITAS GRAZAS AO XURADO!!!

Celebramos hoxe o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

O 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, autor de historias tan populares como O soldado de chumbo, O Patito feo ou A sereíña.

O obxectivo desta data é promover bos libros infantís e xuvenís para nenas e mozas así como a súa lectura.

Con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil realízanse actividades de animación á lectura en bibliotecas públicas e escolas. Pero todas as familias nos nosos fogares podemos fomentar o hábito de ler en nenos, gozar dunha historia coas máis pequenas e incluso dar exemplo, non só este día, senón todos os días, facendo ver aos nosos fillos o pracer dunha boa lectura.

En Baía Edicións atoparás o que precisas! Libros sobre natureza, de investigación, emocións, clásicos, a nosa historia, animais, igualdade…   PREME AQUÍ

Baía Edicións convoca o II PREMIO FINA CASALDERREY de literatura infantil pola igualdade

Co motivo da celebración do 8 de marzo #8MEuparo, para promover a educación en igualdade e como homenaxe a todas as persoas que fixeron a aposta de escribir literatura infantil non sexista, Baía Edicións convoca o II PREMIO FINA CASALDERREY de literatura infantil pola igualdade.

BASES DO CONCURSO

Primeira
Poderán concorrer ao premio autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega conforme á normativa vixente.
As obras deberán atender ao concepto de literatura infantil non sexista e coeducativa en calquera dos seus aspectos, introducindo elementos críticos que cuestionen o modelo social sexista dominante.
Segunda
As obras a concurso deben ser orixinais, inéditas e non premiadas. O feito de participar implica o compromiso de non optar a outros premios coas mesmas obras mentres non se resolva este, compromiso que se estenderá máis aló da resolución de resultar gañadora.
Aproveitamos para lembrarmos as obras gañadoras do I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade, de especial interese por tratar dous temas necesarios:
A ocupación do espazo central no patio do colexio, na actualidade maioritario para os nenos, resultando unha radiografía sexista, da que diversos estudos están a poñer a atención. Ese é o tema que Antía Yañez aborda n’A reconquista.
Calcúlase que 800 millóns de mulleres no mundo están menstruando á vez, no que supón o maior derramamento de sangue pacífico no mundo. No entanto, a sociedade oculta este feito, mitifícao e mesmo o discrimina con certas actitudes. Desde logo, os contos infantís non o teñen moito en conta, pero Sabela Losada Cortizas si, dando como resultado Vermella.

Ferreñas e rock and roll

O proxecto, de título provisional, Ferrañas e rock and roll de Laura Romero e Iria Pedreira concorre, da man de Baía Edicións, ao programa de subvencións destinado a entidades lucrativas para a produción de proxectos singulares de especial interese cultural na provincia da Coruña durante o ano 2019.

Memoria do proxecto

 

Entrega do VIII Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil

Baía Edicións fixo entrega o domingo 2 de decembro de 2018 no Culturgal do VIII Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil á autora, Ánxela Gracián por As voces da auga e ao autor Pere Tobaruela por Auga e lume. O acto foi presentado por Héctor Cajaraville, membro do xurado e o premio foi entregado por Belén López (Directora editorial de Baía Edicións).

O Xurado, formado por Héctor Cajaraville (gañador do 7.º Premio (2016) coa obra Denébola a Roxa), Andrea Maceiras (gañadora dos 4.º Premio (2010) e 6.º Premio (2014) con Violeta tamurana e Miña querida Sherezade, respectivamente), María Dores Fernández López,  profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, e María do Pilar Campo Domínguez (Marica Campo), que actuou de Presidenta, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, resolveu conceder por unanimidade o 8.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil ex aequo ás obras presentadas baixo os lemas “Mathuo Basho” e “CM”.

Abertas as plicas, as mesmas resultaron corresponder, respectivamente, ás presentadas por Ánxela Gracián, que leva como título As voces da auga (proposta para lectoras e lectores a partir de 12 anos), e por Pere Tobaruela, que leva o título Auga e Lume (proposta tamén para lectoras e lectores a partir de 12 anos).

O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:

«As voces da auga destaca pola calidade de lingua empregada, a orixinalidade da proposta e o intenso labor de recreación dunha sociedade xeográfica e culturalmente tan distante como a chinesa. As voces da auga relata unha historia de supervivencia e de aposta pola vida nun contexto histórico especialmente complexo, máis alá dos convencionalismos».

«En Auga e Lume destaca a axilidade da trama e a súa vinculación coa historia de Galiza e a habelencia na mestura entre novela de aventuras, de misterio e de amor.

O protagonista debe viaxar no tempo para resolver un enigma que se mantivo agochado durante séculos e que chegou intacto aos nosos días».

As obras serán publicadas por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e as autorías repartiranse 2.500 euros cos que está dotado o premio..

Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade das obras presentadas, das que vinte e unha alcanzaron a selección final, o que evidencia unha vez máis o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infanto-xuvenil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.

O libro ‘A Nosa Terra é nosa!’ de Emilio Ínsua reciben ‘ex aqueo’ o Premio de Investigación Ramón Baltar Feijóo

A obra A Nosa Terra é nosa sobre as Irmandades da Fala de Emilio Ínsua xunto coa Biografía de Rosalía de Castro escrita por María Xesús Lama recibiron ‘ex aqueo’ o Premio de Investigación Ramón Baltar Feijóo, iniciativa nada este ano co impulso da Fundación Rosalía de Castro.

Así, o xurado do premio, composto por Xosé Luís Axeitos, Xosé Ramón Barreiro, María Xesús Pato, Alba Nogueira, Ernesto Baltar, Anxo Angueira e Xosé Carlos Beiró, emitiu o sábado 1 de decembro o fallo do concurso, no que destacan “a relevancia do traballo” das obras premiadas.

‘Cantos de independencia e liberdade’, obra de María Xesús Lama editada por Galaxia, dá unha volta ás biografías ata agora publicadas sobre Rosalía de Castro. Trátase do primeiro volume da biografía da autora galega máis universal e nela nárranse as súas orixes familiares e os seus anos de mocidade.

Pola súa banda, Emilio Insua redescubre en ‘A Nosa Terra é nosa’ o nacemento, desenvolvemento e legado das Irmandades da Fala, prestando especial atención ao papel que desempeñou Antón Vilar Ponte como un dos seus promotores.

O Premio de Investigación Ramón Baltar Feijóo ten carácter bianual e pretende contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental do arquivo ‘Baltar Feijóo’, que foi depositado pola súa familia na Casa de Rosalía e que recolle publicacións que van desde o ‘Rexurdimento’ ata a ‘Xeración Nós’.