‘Caramulo e a carpinteira de soños’ e ‘A cova da moura’ finalistas do premio Premio Frei Martín Sarmiento

Indicamos, a continuación, a listaxe dos libros finalistas deste 2017-2018 do Premio Frei Martín Sarmiento:

Educación Infantil
PREGO, LUIS; Xogos musicais; Edicións do Cumio.
MOURE, ANXO; Caramulo e a carpinteira de soños; Baía Edicións.

1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria
FERRER, ÁNXELES; O sombreiro do mago; Ed. Xerais.
SAMPAYO, ALEX E CAAMAÑO , BORJA F.; A nena que quería navegar; Redrum Teatro.

2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria
CORTIZAS, ANTÓN; Zoonetos; Ed. Tambre-Edelvives.
VILLAR JANEIRO, HELENA; Contos do sol e da lúa; Ed. Alvarellos.

3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria
BABARRO, XOÁN; Hilario e os tres medos; Ed. Santillana.
BAYORTI, ALEX; Tom, Hunck e o misterio da trabe de ouro; Urco editora.

4ª categoría: 1º e 2º de ESO
CAROU FIGUEIRA, NATALIA; A cova da moura; Baía Edicións.
DÍAZ VALADARES, FRANCISCO; Tras a sombra do bruxo; Ed. Rodeira-edebé.

5ª categoría: 3º e 4º de ESO
PRADO, MIGUELANXO; Presas fáciles; El Patito editorial.
TROUBS; A Alquitara; Ed. Figurandorecuerdos.

6ª categoría: bacharelato e adultos
RIVEIRO COELLO, ANTÓN; A ferida do vento; Ed. Galaxia.
FRAGA, ANTONIO M. ; A virxe das areas; Edicións Embora.

Fonte: Blogoteca

Este sábado volve “Chamando á terra”, programa da Radio Galega dedicado aos libros

A escritora e xornalista María Solar presenta este novo programa semanal “CHAMANDO Á TERRA” que se emitirá os sábados entre as tres e as catro da tarde e que abordará segundo explica o web da emisora “o mundo literario en galego, desde a produción ata a tradución, con recensións das novidades editoriais, con entrevistas a escritores e escritoras, con faladoiros e con atención a todos os xéneros e todos os públicos”. O espazo contará coas colaboracións de Montse Pena Presas, Malores Villanueva e Alba Cid para analizar as novidades nas letras do país.

 

O primeiro programa xa foi todo un éxito! Parabéns e a seguir falando de libros!

 

As Aventuras de Gale, espectáculo de monicreques de A xanela de Maxín, unha chamada en defensa da nosa lingua

En Baía Edicións alegrámonos moito de que A Xanela do Maxín participe no Titirideza 2017,  de seguro nos fará tan felices como a estrea de As Aventuras de Gale desta primavera, un alegato a favor da nosa lingua, que defenden coa dozura que dá o amor. Sentímonos fachendosas e agradecidas  de que compañías de monicreques con tanta calidade recorran a textos das nosas publicacións para melloralos e complementalos coa súa arte, como o foi neste caso a #Historia da Lingua Galega, de Pepe Carreiro.

Deixamos aquí o enlace á súa web, onde podedes ver anaquiños da obra

 

Arranca a edición anual do Titirideza, con espectáculos de compañías producidas e dirixidas por mulleres

Esta fin de semana, do 24 ao 27, Lalín celebra outro ano máis o  Titirideza, Festival Galego da Marioneta,  con espectáculos de compañías de monicreques coa característica común de seren producidos e dirixidos por compañías de mulleres: La mar de marionetas; Periferia teatro de títeres; Títeres Babaluva, A Xanela do maxín,  Catro pés e Rojo telón.

Aproveitando o evento, o  Museo Galego da Marioneta presenta unha pequena retrospectiva do traballo de Fernanda Cabrera Varela, fundadora de Marionetas Trécola e persoa fundamental na historia do teatro de marionetas do noso país. Deixamos un enlace ao Museo da Marioneta para aprender un pouco máis de Fernanda e do propio museo

Na casiña de Fernanda Cabrera

Parabéns á organización!!!

 

Pere Tobaruela trasládase ás nosas orixes prerromanas para recrear Catro pedras vellas, última novela da colección Meiga Moira.

Ana María Romero Masiá ingresa no Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses

O acto de lectura do discurso de ingreso no Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses da Membro Electa Dª Ana María Romero Masiá que versará sobre “Entre a protección e o control. As espontaneadas da Coruña e Ferrol (1750-1800)”.

A contestación correrá a cargo de don Felipe-Senén López Gómez, Secretario-Conservador da Institución.

O acto celébrase no Salón de Sesións do Excmo. Concello da Coruña o día 3 de maio ás oito da tarde.

A Asociación Veciñal da Agra do Orzán e Baía Edicións presenta ‘O falar das fadas. Lingua, música e toponimia da Galiza’

A Asociación Veciñal da Agra do Orzán e Baía Edicións convidan ao lanzamento do libro O falar das fadas Lingua, música e toponimia da Galiza, de Xosé Manuel Sánchez Rei, que terá lugar nos locais da Asociación (Rúa Entrepenas, 38 soto, A Coruña) na próxima quinta feira, 26 de febreiro ás 20:00 horas.

Intervirán, para alén do autor, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Belén López Vázquez.

Ao remate do acto, actuación musical de Ricardo, Noa e Sonia Seixo.

Asociación Cultural Alexandre Bóveda e Baía Edicións presentan ‘O falar das fadas. Lingua, música e toponimia da Galiza’.

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda e Baía Edicións convidan ao lanzamento do libro O falar das fadas Lingua, música e toponimia da Galiza, de Xosé Manuel Sánchez Rei, que terá lugar nos locais da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa dos Olmos, 18-1º, A Coruña) na próxima sexta feira, 20 de xaneiro ás 20:00 horas.

Intervirán, para alén do autor, Belén López Vázquez, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xurxo Souto.

Ao remate do acto, o músico Anxo Lois Pintos interpretará uns temas coa zanfona.

Héctor Cajaraville recibirá no Culturgal o Premio Meiga Moira 2016

Baía Edicións fará entrega do 7.º PREMIO MEIGA MOIRA de literatura infantil e xuvenil o próximo día 3 de decembro ás 11:30 h. na Culturgal Feira das Industrias Culturais. O premio será entregado a HÉCTOR CAJARAVILLE pola súa obra DENÉBOLA, A ROXA. Contaremos coa presenza de Andrea Maceiras, en representación do Xurado, e Belén López, Directora Editorial de Baía Edicións.

O Xurado, formado polas escritoras Andrea Maceiras (gañadora dos 4.º Premio (2010) e 6.º Premio (2014) coa obras Violeta tamurana e Miña querida Sherezade, respectivamente) e Conchi Regueiro, María Dores Fernández López,  profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, a tamén escritora Marica Campo, que actuou de Presidenta, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, reunido o martes  día 11 de outubro de 2016 resolveu conceder por unanimidade o 7.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil á obra presentada baixo o lema “Briolanxa”.

Abertas as plicas, a mesma resultou corresponder a presentada polo escritor compostelán Héctor Cajaraville Araujo, que leva como título Denébola a Roxa e proposta para lectoras e lectores a partir de 12 anos.

O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:

«Denébola a Roxa é unha novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, ambientada no século XVII que relata o desafío dunha muller afouta nun mundo de homes.

A protagonista, Denébola, que comparte nome coa estrela máis brillante da constelación de Leo, loitará pola procura dun destino máis luminoso que o que seu pai elixiu para ela.

Marcada desde o nacemento pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, tentará rexerse polos seus propios principios e tomar as rédeas da súa propia vida».

A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e a autora recibirá 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio.

Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade das obras presentadas, das que catorce alcanzaron a selección final, o que evidencia máis unha vez o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infantil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.

Comentario do libro:

O 15 de marzo de 1600, o mesmo día en que fai quince anos, Denébola recibe a noticia de que o seu pai decidiu enviala como noviza a un convento de clausura. Pero a moza, que comparte nome cunha das estrelas máis brillantes da constelación de Leo, loitará por un futuro máis luminoso ca este que o seu pai, o poderoso señor de Mourentán, elixiu para ela.

Marcada pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, buscará o modo de rexerse polos seus propios principios e tomar as rédeas do seu destino. Na súa viaxe á procura da liberdade acabará chegando a América, un Novo Mundo no que todo está por facer e onde é posible converter en realidade o soño de trazar o seu camiño na vida.

Denébola a Roxa é unha novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, que relata o desafío dunha muller brava nun mundo de homes. Un exemplo de como a afouteza e a perseveranza conseguen derrubar todas as barreiras.

Baía presenta A HORTA SEN QUÍMICOS na Libraría Trama de Lugo

Baía Edicións ten convoca o Acto de Presentación do libro A HORTA SEN QUÍMICOS, de Xan Pouliquen, que terá lugar na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21, Lugo), o xoves día 26 de maio ás 19:30 horas.

Contaremos coa presenza de Xan Pouliquen , que estará acompañado por Ernesto Sanches (Director técnico do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia) e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

Esperámosvos!!!