Presentación dupla: Modelos de lingua e compromiso e A poesía oculta de Filgueira Valverde

Esta tarde, no marco da Feira do Libro da Coruña presentaremos dous ensaios, Modelos de lingua e compromiso, obra na que  Gorreti Sanmartín, Laura Tato,  Manuel Ferreiro e Xose Ramón Freixeiro, coordinados por Xose Manuel Sanchez Rei, todos  investigadores do grupo ILLA, achegan as súa reflexións sobre a calidade da lingua.

En paralelo Xosé Ramón Freixeiro presenta os resultados da súa investigación sobre a obra  do autor homenaxeado no Día das Letras e desvela a autoría de 2 poemas en A poesía oculta de Filgueira Valverde

De seguro dará para o debate, estades todas e todos convidadas; será ás 19:00

 

 

 

 

Empezou a Feira do Libro da Coruña

A Coruña, 1 de agosto de 2015.- A cidade herculina acolle desde hoxe e ata o vindeiro 10 de agosto a cuadraxésimo cuarta edición da Feira do Libro Novo da Coruña, que foi inaugurada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo alcalde do municipio, Xulio Ferreiro; e mais pola presidenta e o vicepresidente  da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez e Pedreira.

As novidades editoriais que ofrecen as librarías participantes xunto con preto dun cento de actividades para lles achegar o libro e lectura a todos os públicos centran a nova edición deste evento, da que o secretario xeral de Cultura destacou o nivel e o importante número de escritores e escritoras que volverán participar, un ano máis, nesta cita de referencia co libro e a cultura en Galicia.

O acto de apertura da feira, que contou co pregón de Mercedes Queixas Zas e mais coa actuación da Banda Municipal de Música da Coruña, dará paso a partir desta tarde ao inicio do programa de actividades. Os xardíns de Méndez Núñez serán o escenario durante os próximos días de numerosas presentacións e sinatura de libros.

Stands
Berbiriana, Editores Coruñeses, El Faro de los Tres Mundos, IGN-CNIG, Espazo do Lector Nobel, Librería Cascanueces, M. Moleiro Editor, Libraría Couceiro, Praza do Libro, Komic Librería, Ediciones del Viento/Reino de Cordelia, 7 Mares Libros, Brea, Edelvives-Tambre, Aenea, Santos Ochoa, Consorcio Editorial Galego, Nobel Burela, Libraría Pedreira, Libraría Cartabón, Luzes, Áncora Libraría, Hegar, Alita Comics, Librería Molist, A Serpe Edicións, Librería Arenas, Xiada, Nova Galicia Edicións, Ler Probra do Caramiñal, Librería Formatos, Siloé, Librería Roget, M. Couceiro Librarías e Editorial Eneida participarán na nova edición da feira, que permanecerá aberta en horario de 11:00 a 14:00 horas pola mañá (agás na fin de semana, que se amplía ata as 14:30 horas) e de 18:00 a 22:00 horas.

A Biblioteca Pública Miguel González Garcés, de xestión autonómica, volve contar cun espazo propio na feira, a través do que lle achegar ao público os seus servizos e no que as persoas interesadas terán ocasión de realizar in situ o carné da biblioteca.

48 mulleres asasinadas. HISTORIA DAS MULLERES GALEGAS

Luns, 28 de abril, Pepe Carreiro presenta, acompañado de Encarna Otero,  HISTORIA DAS MULLERES GALEGAS. Será na Feira do Libro de Santiago, ás 20:00.

Deixo aquí o colofón do libro:

“En 2013 corenta e oito mulleres foron asasinadas polas súas “parellas sentimentais” no reino de España. O terrorismo, en troca, deixou de ser unha preocupación para a sociedade: A violencia contra as amulleres preocupa un 0,3  por cento.

Preocua máis a inseguridade cidadá, un 2,3; os políticos, un 3,7; os nacionalismos, un 1,7; os bancos, un 2,1; a monarquía un 0,6; as excarcelacións, un 0,5; o desemprego, un 78,5…

E loxicamente, preocupa moito máis a crise de valores, un 2,5.

Falaremos do tema máis polo miúdo o luns ás 20:00 horas. Agardámoste!!!

Baía Edicións

María Zambrano naceu un 23 de abril, hoxe pode ser un bo día para ler sobre ela

María Zambrano é unha filósofa do século XX. A súa vida e a súa obra estiveron marcadas por acontecementos fundamentais como a guerra civil española e a guerra europea. O exilio de 45 anos de Zambrano impregnou a súa filosofía de tal modo que o exilio se constituíu nunha das súas categorías de pensamento. Ademais, se hoxe coñecemos a Zambrano iso é debido ao traballo e ao esforzo de recuperación da súa obra que se fixo na década dos oitenta. Doutro xeito, só constituiría unha referencia máis na longa lista de exiliados republicanos que tiveron que abandonar España en 1939.

Podes sabes máis sobre ela no estudo que Isabel Balza fixo sobre ela para a colección Baía pensamento, e que resultou nun libro co título María Zambrano, Isabel Balza (Baía edicións)

http://www.baiaedicions.gal/galego/maria-zambrano.html

Fonte: Baía Edicións

Xa falta menos para o 6º Premio Meiga Moira de literatura infantil e xuvenil

A data límite para a entrega de orixinais remata o 17 de maio.

Bandeiras negras, de Ana maría Gallego Gen, foi premiada na convocatoria anterior, de carácter bianual.

Podes visualizar un capítulo do libro no seguinte enlace http://www.baiaedicions.gal/media/upload/file/25_Bandeiras_capitulo.pdf

LEMBRAMOS AS BASES:

PRIMEIRA
Poderán concorrer ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega (de conformidade coas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego aprobadas pola RAG) de obras de creación literaria dirixidas a nenas e nenos de 8 a 16 anos. As obras deberán ser inéditas e non premiadas.
Se no período de tempo transcorrido entre a presentación do orixinal e o ditame do xurado a obra obtén outro premio ou é publicada, a autoría vese obrigada a comunicalo á editorial e non poderá recibir este premio.
SEGUNDA
O orixinal, escrito en letra Times, corpo 12 e a dobre espazo, enviarase xunto con seis copias debidamente encadernadas a:
BAÍA EDICIÓNS
Polígono Pocomaco, 2.ª Avda.
Parcela A2 / Nave 22. 15190 A Coruña.
O prazo de recepción de orixinais remata o 17 de Maio de 2014.
TERCEIRA
Con cada orixinal, que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico da autoría, así como o título da obra e grupo de idade ao que vai dirixida (8 a 12 anos ou 12 a 16), indicando no mesmo: Premio Meiga Moira 2014.
CUARTA
O premio, que poderá quedar deserto, considerará un único galardón, ao que se lle asigna unha dotación económica de 2.500 euros
. A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira, renunciando a persoa gañadora aos dereitos de autoría da primeira ediciónl. No caso de realizarse unha segunda edición, esta rexerase polo modelo de contrato de autoría propio de Baía Edicións.
A obra finalista será publicada segundo contrato de autoría estabelecido por Baía Edicións.
A autoría da obra gañadora e da finalista comprométesea participar nos actos de promoción que organice a editorial.
QUINTA
O xurado está composto por cinco persoas de recoñecidoprestixio, unha delas da propia editorial, que actuará, asemade, como secretaria.
SEXTA
A resolución do xurado darase a coñecer o 19 de setembro de 2014.
SÉTIMA
As obras non premiadas non serán devoltas pola editorial.
OITAVA
A participación nesta convocatoria presupón a aceptación das presentes bases, así como as decisións do Xurado, que serán inapelábeis.
A Coruña, xaneiro de 2014
www.baiaedicions.gal

Despois da Gran Festa do Teatro, deixamos uns apuntamentos sobre María Casares

María Casares nace no ano 1922 na Coruña, filla deGloria Pérez e de Santiago Casares Quiroga, que  chega a ser ministro da II República. Os seus pais edúcana dunha maneira moi saudábel: a familia pasa varios meses do ano no campo, no pazo de

Montrove. Na Coruña viven na súa idílica casa danrúa Panadeiras. María recibe unha educación moi libre, entre xogos e libros, cun mestre que lle dá clases na casa. Aos cinco ou seis anos entra nunha escola, chamada o Colexio francés onde remata a súa

aprendizaxe da escritura e lectura. Do francés non aprende máis que unhas palabriñas, oui, non e mmerci, aínda que conta nas súas memorias Residente Privilexiada que tiñan tamén clases de recitación de poesías e que vían curtametraxes de Betty Boop e

Popeye. Co seu pai le e recita poesía en galego e en castelán; ela recorda que declamaba baladas enteiras a grandes voces e tremendo de emoción, metida entre as polas dunha árbore no xardín. O seu pai ten un pequeno laboratorio na súa biblioteca onde pasa moitas horas entre tubos, lentes e microscopios. María recorda como estudaban a división dunha célula mediante debuxos que facían, e que mesturaban líquidos misteriosos para observar as reaccións químicas. Aos catro ou cinco anos, María xa coñece

todos os nomes dos ósos; na biblioteca hai un esqueleto. Tamén observan xuntos as misteriosas arañeiras acabadas de tecer, na madrugada; eran experiencias fascinantes para a pequena María. Escoita música con frecuencia: Mozart, Bach, Falla, Wagner… e

cando lle toca ao pai espertar a María, faino coaabertura de Don Xoán, que baila e canta para ela.

Gloria, a súa nai, é como unha amiga de xogos. Gusta moito de organizar festas sorpresas; ten unha alegría desbordante, un riso contaxioso e unha imaxinación moi viva. María sempre recordará a súa fancia galega feliz.

Entre o ano 1931 e o 36 vivirán en Madrid, pois Santiago Casares Quiroga forma parte do goberno de República; só pasan tres meses ao ano en Galicia. No ano 1936 os tres teñen que fuxir a Francia; comeza a Guerra Civil. A súa casa na rúa Panadeiras é salvaxemente saqueada, queimados os libros e parte deles vendidos nunha poxa; borran o nome de Casares Quiroga do Rexistro Civil.

En Francia, María estuda e traballa moito até entrar no Conservatorio de Arte Dramática de París. Recibe moitos premios, é celebrada como actriz francesa chegando a ser a raíña do teatro francés. Pasrá uns meses en Madrid, rtaballando no teatro, pero nunca volverá á súa Galicia nata, á súa terra tan querida e sempre matabillosamnete viva na súa memoria e no seu corazón. Morre en 1996.

 

“Da rapaciña María Casares e de como xoga” en Tres mulleres do seu tempo, Heidi Kühn-Bode, Baía Edicións, 2009

Xela Arias e Luísa Villalta: Letras, interartes, proxectos na fin de século

Os temperás falecementos de Xela Arias (1962-2003) e Luísa Villalta (1957-2004) truncaron hai dez anos unhas vidas que, sendo sen dúbida singularísimas na súa condición persoal, foron tamén representativas da progresión que desde mediados dos anos 80 supuxo a presenza das mulleres como axentes, referentes e xestoras culturais no país. Unha e outra, desde as súas localizacións prioritarias en Vigo e A Coruña, participaron en intervencións colectivas, promoveron iniciativas, exploraron relacións interculturais a través da tradución e doutras vías experienciais e discursivas e sentiron, ademais, a atracción por indagaren nos espazos intersticiais en que as diferentes artes converxen por uns ou outros motivos e derivas.

A xornada pretende manter viva a memoria da súa produción literaria, así como dos diversos vínculos que nas súas vidas ambas foron trazando con proxectos de notábel repercusión na recente historia cultural galega. A isto dedícanse as achegas que profundarán nos seus respectivos perfís estético, intelectual e político, así como as centradas directamente nas súas poéticas persoais como autoras dun relevante corpus poético e, en xeral, como escritoras. Estas análises contarán co reforzo antes mencionado de tratar de ver nelas un signo da emerxencia da presenza das mulleres -autoras no espazo cultural dos pasados anos 80 e 90 (asociacionismo, publicacións e creacións colectivas, relacións co movemento feminista, promoción de foros, etc.).

Nun marco de condición menos académica, máis marcada pola exploración interartística (música, fotografía, danza e artes escénicas, artes plásticas…), a xornada amosará, así mesmo, a vixencia do discurso literario e intelectual de Luísa Villalta e Xela Arias. A xeito dun laboratorio de prácticas no espazo interartes preséntanse, por unha banda, proxectos en que traballaban ambas as autoras cando a morte se lles presentou sen previo aviso e, por outra, intervencións ―nalgún sentido interpretativas― encomendadas a outras artistas sobre a poesía escrita polas poetas coruñesa e luguesa.

Poden acceder ao programa no Consello da Cultura Galega

http://www.consellodacultura.org/mediateca/extras/20140126-PROGRAMA-XELA-ARIAS-E-LUISA-VILLALTA%20.pdf

Feliz 8 de marzo a todas, malia os datos que confirman a nosa situación

Este sábdo 8 de marzo, parece que a Natureza nos vai regalar luz. Anímovos a tirar coa apatía e  invernía e saíde á rúa, tomade aire e compartide coas amigas as vosas reflexións sobre como podemos mudar a situación do noso colectivo, porque os datos do último ano son desastrosos para as mulleres. E se non damos coa solución, canto menos aproveitemos para ser felices.

Deixo algún tomado de aquí e acolá, pois nen sequera hai información suficiente:

A fenda salarial entre homes e mulleres: varía entre un 10 e un 23% según as fontes.

As mulleres máis expostas ao desemprego en Galicia son as que teñen entre 16 e 24 anos, cunha taxa do 32,1%.

A metade das paradas galegas sono de longa duración.

Case unha de cada catro mulleres en Galicia atópanse en risco de pobreza ou exclusión social

45 mulleres asasinadas no 2013.

Hai un 60% de mulleres nas universidades galegas pero só un 10% chega a postos directivos.

http://www.ige.eu/estatico/estat.jsp?ruta=html/gl/salarios/EstruturaSalarial_ResumoResultados.html

 

 

 

Previo 8 de marzo, Xan

Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai a compoñer cestos,
Xan vai a poda-las viñas,
Xan vai a apaña-lo esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trai o estrume ó cortello,
e vai á fonte por auga,
e vaa á misa cos nenos,
e fai o leito io caldo.
Xan, en fin, é un Xan compreto,
desos qu’a cada muller
lle conviña un polo menos,
pero cand’un busca un Xan,
casi sempre atopa un Pedro.

Pepa, a afertunada Pepa,
muller do Xan que sabemos,
mentres seu home traballa,
ela lava os pés no rego,
cátall’as pulgas ó gato,
peitea os longos cabelos,
bótalle millo ás galiñas,
marmura co irmán do crego,
mira s’hai ovos no niño,
bota un ollo ós mazanceiros
e lambe a nata do leite,
e si pode bota un neto
ca comadre, qu’agachado
traillo embaixo do mantelo.
E cando Xan pola noite
chega cansado e famento,
ela x’o espera entr’as mantas,
e ó velo entrar dille quedo:

-Por Dios non barulles moito,
que m’estou mesmo morrendo.
-¿Pois que tes, ña mulleriña?
-¿Que hei de ter? Deita eses nenos,
qu’esta madre roe en min
cal roe un can nun codelo,
i ó cabo ha de dar comigo
nos terrós do simiterio…
-Pois, ña Pepa, toma un trago
de resolio qu’aquí teño,
e durme, ña mulleriña,
mentres os meniños deito.

De bágoas s’enchen os ollos
de Xan ó ver tales feitos;
mas non temás, qu’antre mil
n’hai máis qu’un anxo antr’os demos;
n’hai máis qu’un atormentado
antre mil que dan tormentos.

Rosalía de Castro

Dez anos sen Luísa Villalta

De repente, conmocionando o mundo literario no que ela estaba tan inmersa, morría o 6 de marzo de 1994 na Coruña a escritora e música Luísa Villalta. Autora dunha obra que visita poesía, narrativa, ensaio, teatro e xornalismo, o nome de Luísa Villalta agromaba nun sinfín de iniciativas que reclamaban dereitos e liberdades sociais e nacionais.

No ámbito literario, social e político, Luísa Villalta implicaba o seu nome en causas que reclamaban a xustiza e a igualdade, de maneira singular, aquelas que defendían os nosos dereitos culturais e lingüísticos. Comprometida co movemento nacionalista, era fácil atopala recitando ou en reflexións compartidas en actividades organizadas por asociacións e entidades, entre elas, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, da que formou parte da directiva, ou a Mesa pola Normalización Lingüística, á que tamén pertencía.

A súa participación activa no Foro Negro da cultura, nacido despois de que o Prestige atacara o país, foi un dos último exemplos da súa maneira comprometida de entender a cultura. Pouco antes, o seu era o nome dunha das persoas promotoras do Foro da Cultura Galega, coordinando a área de “Revisión Histórica e Análise Crítica da Cultura”, canda outros intelectuais e amigos como Xosé Mª Álvarez Cáccamo ou Ánxel Huete.

Profesora de Lingua e Literatura Galega, Luísa Villalta tíñase formado en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago mais tamén rematara estudos superiores de violín, chegando a formar parte, entre outras, da Xove Orquestra Galega. Desa unión entre a música e a poesía partirían varias das súas obras literarias, tanto líricas como ensaísticas, entre elas, O outro lado da música, a poesía, ou A lingua dos sons.

Letras de intervención 

O carácter de intervención co que Luísa Villalta entendía a cultura agroma de maneira especial na súa presenza con artigos en diversas publicacións periódicas, entre elas, Man Común, a Festa da Palabra Silenciada, Tempos Novos, Grial, Luzes de Galiza, A Trabe de Ouro, Enclave e, moi especialmente A Nosa Terra, semanario no que mantiña presenza periódica que logo se recollería en  Libro das columnas. 

O seu último libro, En concreto (2004) recibira o Premio Espiral Maior e o Premio da Crítica, xa a título póstumo. Despois da súa morte aparecería Papagaio (2006), un volume no que os seus versos publícanse a carón das imaxes de Maribel Longueira retratando a decadencia do barrio da Coruña.

Ademais destes títulos, a obra de Luísa Villalta visita a poesía con Música reservada ou Ruído, ; a narrativa con Silencio, ensaiamos ou Teoría de xogos; o teatro con Concerto para un home só, , O paseo das esfinxes ou  As certezas de Ofelia e o ensaio cos títulos O don Hamlet de Cunqueiro, unha ecuación teatral e O outro lado da música, a poesía. 

Homenaxes nos dez anos 

A Asociación de Escritores e Escritoras dedicaralle en breve unha homanaxe de lembranza no décimo aniversario da súa morte, e o próximo día a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega celebrará a xornadaXela Arias e Luísa Villalta : Letras inertes proxectos na fin de século, e, dedicada ás dúas peotas mortas con moi poucos meses de diferencia e coordinada por Ana Romání e Arturo Casas.  O ´Álbum de Mulleres recolle documentación sobre a súa vida e a súa obra e a Biblioteca Virtual Galega ofrece a posibilidade de achegarse a algúns dos seus textos.

No seu texto escrito á maneira dunha poética e titulado “Sobre un certo estado de conciencia”, Luísa Villalta anota: “Os temas son moi poucos. A vida e a morte. Talvez só a vida (ou só a morte). Sexan os que foren, nas súas infinitas variacións poden encontrarse nas Enciclopedias, nos libros de Historia ou (e non é raro) de Teoría Matemática, na información diaria que nos fai deglutir a realidade, en cada ocasión en que se ten a certeza de estar vivindo. Os temas non son meus, son o mundo mesmo. E, á vez, o mundo mesmo son eu. O tema é o que me fai a min comunidade: unha preocupación polo devir da humanidade, unha maneira galega de ser humana, unha preocupación polo devir de ser galega”.

Voces que a coñeceron, imaxes do seu arquivo, fragmentos da súa obra e unha viaxe a través da súa biografía son os elementos que constrúen o documental “Luísa Villalta. Paixón e compromiso”, elaborado polo alumnado do centro no que a escriotra e música deu clases antes da súa morte que se estreou o pasado ano.

Novas en Sermos
Fotografía: aquivo AELG