Coñecemos un pouco máis das Irmandades da Fala (I)

O acto fundacional da primeira das Irmandades da Fala celebrouse o 18 de maio de 1916, no local que a Academia Galega tiña entón na cidade da Coruña. A convocatoria orixinal dicía, concretamente: “A Comisión encargada dos traballos pra o establecimento d’unha hirmandade d’Amantes da terra [sic], que, entre outros fins, adicarase principalmente á defensa y exaltación do idioma gallego, roga a vosté que nos honre co’a sua presencia na reunión que se fará o dia 18 d’este mes, ás 8 da noite, no local da Academia Gallega, Rego d’Auga, 38-1º. Saúde e Patria”.

O nacemento “coruñés”, antes que en ningunha outra localidade, da primeira das Irmandades non admira se temos en conta, que a cidade “leva catro décadas de progresiva actuación rexionalista (sempre vencellada, e en competencia, co republicanismo máis avanzado), como conformante da vida social e intelectual” e que nela existe xa, por iso mesmo, “un grupo social máis ou menos numeroso para o que esas manifestacións de fervor rexionalista son, cando menos, algo habitual” (Vázquez Souza, 2004:33).