Cultura e Educación convoca os cursos preparatorios das probas Celga do 2013

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca para o ano 2013, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, un total de 120 cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. O Diario Oficial de Galicia do 7 de xaneiro publicou a resolución pola que se anuncia esta oferta de formación revisada e mellorada.  Trátase dunha formación voluntaria e gratuíta, dirixida a particulares que desexen participar nos cursos e tamén a colectivos, entidades e/ou asociacións de Galicia interesadas en organizalos.

O obxectivo é facilitar a participación do maior número posible de persoas interesadas. Para isto, o departamento dirixido polo conselleiro Vázquez Abad, realiza unha oferta de cursos de programación directa que se impartirán nas cidades e, ao mesmo tempo, ofrece a posibilidade de que as entidades, colectivos ou asociacións, que pola súa proximidade á cidadanía coñecen de forma directa a demanda e as necesidades de formación de lingua galega no seu ámbito, poidan tamén organizar cursos.

Criterios de adxudicación para entidades e colectivos

Entre as solicitudes formuladas por entidades, colectivos e asociacións valorarase que conten cun número mínimo de 20 persoas preinscritas para participaren nos cursos e procurarase realizar unha distribución xeográfica atendendo ás áreas comarcais. No caso de que nunha mesma área non se poidan atender todas as solicitudes, daráselles prioridade ás solicitudes presentadas polas entidades que conforman a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) e polos agrupamentos de concellos que os soliciten.

Tanto os cursos destinados a particulares coma os organizados por entidades ou colectivos terán unha duración de 70 horas e desenvolveranse entre marzo e maio. As persoas interesadas en asistiren aos cursos e os colectivos que desexen organizalos deberán dirixir as súas solicitudes aos gabinetes provinciais de Normalización Lingüística correspondentes ata o 25 de xaneiro.

Aqueles cursos que programe directamente Política Lingüística realizaranse fundamentalmente nas sedes das escolas oficiais de idiomas e tamén en espazos de titularidade da Xunta de Galicia, principalmente en centros educativos.

Cursos en liña

Esta oferta de formación completarase cunha convocatoria específica de cursos en liña para preparar a proba do Celga 1, que sairá publicada no web da secretaría xeral, www.xunta.es/linguagalega, no mes de marzo.

Probas Celga 2013

A asistencia aos cursos non implica a expedición de ningún tipo de certificación ou diploma acreditativos. Para obteren a acreditación do nivel de coñecemento e dominio da lingua galega, as persoas interesadas terán que realizar as probas Celga correspondentes.

A convocatoria de probas Celga 2013 do ano en curso publicarase o vindeiro 16 de xaneiro e o prazo para a inscrición nelas estará aberto ata o 3 de abril. Os exames de acreditación terán lugar os días 1, 2, 8 e 9 de xuño para os niveis Celga 4, 2, 3 e 1, respectivamente.

Materiais para preparar as probas

Amais de preparar as probas Celga a través destes cursos, tamén é posible facelo de xeito autodidacta, preparando por libre o programa do nivel do Celga ao que se quere optar. Tanto para unha opción como para a outra, a secretaría xeral ten no seu web, a disposición da cidadanía, materiais de utilidade para preparar as probas de cada nivel, entre os que se inclúen os manuais da colección Aula de Galego, así como diversos modelos de exames das probas realizadas nos últimos anos.

Fonte: Xunta