Culturgal, a feira galega das industrias culturais, presenta o seu programa

Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, é a gran casa da cultura galega. Abrirá as súas portas o día 29 de novembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra. Culturgal é un punto de encontro no que o sector da cultura amosa a súa forza de conxunto e no que se produce un rico diálogo e intercambio de ideas. Unha oportunidade para presentar novos proxectos e iniciativas ante outras empresas, programadores, institucións e público en xeral, nun escaparate excepcional.

Malia o contexto económico e social, co descenso do consumo e a suba do IVE, Culturgal desenvolve unha nova edición en 2013. O pasado 19 de outubro recibiu o Premio da Crítica á mellor iniciativa cultural.

Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores, unido estreitamente á historia da Feira, nun artigo no xornal Faro de Vigo, mantén que “Culturgal é hoxe pola fraqueza do mercado cultural máis necesario ca nunca, razón pola que os diversos sectores empresariais participantes, a pesar da súa diversidade, asumen a estratexia do estorniño, a solidariedade dos chirlosmirlos que adoitan manobrar en bandos atraendo a ollada da veciñanza das cidades. Eis a estratexia da corresponsabilidade deseñada por Xosé Aldea, o coordinador xeral deste Culturgal 2013, que procura a colaboración intersectorial e o protagonismo dos públicos, a primeira razón de ser desta feira”.

Culturgal: entrada corresponsable

O acceso á Feira continua a ser gratuíto pero haberá opción de pagar unha entrada voluntaria. É unha das accións da organización da Feira para concienciar ao público de que a cultura é algo de todas e todos. O público, deste xeito, non irá coas mans baleiras, a cambio da entrada, recibirá unha chapa que o distinguirá como micropatrocinador de Culturgal.

Premio do Público

Este ano instáurase o Premio do Público Culturgal para aquelas propostas novidosas, con proxección de futuro, transversais e asociativas, que se relacionen directamente coa sociedade civil e fomenten a súa implicación. As tres candidaturas que optan ao Premio do Público son a Asociación puntoGAL, o Festival de Cans e o salón do Libro Infantil e xuvenil de Pontevedra. Até o 15 de novembro todas as persoas que o desexen poden votar a través da web www.culturgal.com

Máis información: Programa completo