Culturgal acubillará dez propostas, dúas mesas redondas e catro obradoiros sobre TIC

Como avanzamos hai uns días, a nova edición da feira Culturgal, centrada en amosar o potencial e os novos camiños do noso sector das industrias culturais, vai dar acubillo a un amplo programa de actividades, moitas das cales estarán centradas directamente nas novas tecnoloxías da información. En total, estamos a falar a dez propostas, dúas mesas redondas e catro obradoiros sobre as TIC a desenvolver no marco de Culturgal 2012, que se celebra un ano máis no Pazo da Cultura de Pontevedra, desta volta do 30 de novembro ao 2 de decembro. Segundo nos lembrou este luns 12 de novembro a organización deste importante encontro, “ninguén dubida xa da importancia que teñen na nosa vida cotiá as novas tecnoloxías, así que resulta obvio dicir que tamén teñen cada vez máis peso no eido da cultura e na súa difusión, de aí que as experiencias TIC tiveran que ter o seu espazo relevante no Culturgal 2012”.

As accións tecnolóxico-dixitais de Culturgal centraranse na zona de Garaxe, onde se convidará aos asistentes a comprobar por si mesmos a utilidade das aplicacións e o seu funcionamento práctico.

Entre estas propostas, cóntanos a organización da feira galega, atópanse aplicacións lingüísticas para móbiles como GalApps e unha nova guía social de tabernas, Imos, das que temos falado en Código Cero con motivo da posta a disposición dos internautas da primeira e máis das vantaxes da segunda. Tamén haberá aplicacións para podermos carrexar no iPad os nosos cómics favoritos (Galaxia Cómic) e plataformas para a xestión de públicos culturais (Culcities). Orama presentará unha canle de móbil gratuíta para a promoción de actividades socioculturais e Galaxia Tales unha plataforma de contos en rede. Own the Way amosará en Culturgal en que consiste un sistemas de atención a usuarios en tempo real chamado RTUS e os asistentes á feira terán a oportunidade de coñecer, tamén, os detalles dunha nova plataforma para a difusión de proxectos culturais no rural, RuralActual. Nasas Social & Media, pola súa parte, enumerará os beneficios da difusión de produtos e proxectos culturais a través das redes sociais, “e con Guifi.net teremos a oportunidade de afondar no que implica unha rede cidadá sen fíos que facilita a interconexión dos computadores no ámbito rural ou urbano”, engadiu a organización.

Todas estas presentacións son abertas ao público e gratuítas.

Asemade, os profesionais que se apunten ao Foro Culturgal terán unha oportunidade única de coñecer experiencias na aplicación das novas tecnoloxías e o multimedia nas aulas, a través de proxectos que se están a desenvolver na actualidade en Galicia. Comezará a xornada coa conferencia do pedagogo e experto en novas tecnoloxías Manuel Area, para despois coñecer experiencias como educaBarrié, Escolas á Nube ou Tadega, asociación dedicada ao fomento do uso das TIC na atención á diversidade nas aulas. Para rematar haberá catro obradoiros dirixidos por integrantes de Imaxin, Tagen Ata, Galinus e Algueirada, onde se traballará sobre o uso nas aulas de videoxogos, redes sociais, museos interactivos e das ferramentas máis accesibles.

As dez propostas TIC están dentro das máis de 140 actividades que ofrece a Feira das Industrias Culturais do 30 de novembro ao 2 de decembro. “Unha intensa e completa fin de semana para poder aprender, conversar e compartir. Música, teatro, danza, audiovisual, presentación de libros, conversas con autores, obradoiros. Todo en vivo en directo no Culturgal 2012”, comentan os organizadores.

Fonte: Codigocero