Defensa do Ensino Público inicia un calendario de mobilizacións contra os recortes

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público iniciará este martes, día 8, un calendario de mobilizacións contra os recortes educativos, segundo informaron os seus responsables coincidindo coa presentación da plataforma na bisbarra de A Coruña, na que volveron reclamar á Xunta que recorra o Real Decreto do Goberno por “invadir” competencias autonómicas.

En rolda de prensa, representantes da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), CIG, BNG, Comités e Galiza Nova presentaron os obxectivos da plataforma na bisbarra, coincidindo coa súa constitución oficial este luns.

Ao respecto, o voceiro da Plataforma, Xoán Costa, subliñou “o rexeitamento” da comunidade educativa ao Real Decreto do Goberno e esixiu á Xunta que non se aplique en Galicia. Ademais, instou o Executivo galego a que recorra unha normativa que non considerou “necesaria” e que, na súa opinión, “invade” competencias autonómicas.

Tamén informou do calendario de mobilizacións que levarán a cabo e que comezará este martes, día 8, con concentracións en 14 localidades galegas. No caso de A Coruña, terá lugar ás 19.30 horas na praza de Pontevedra.

Ademais de avalar a folga de estudantes convocada para o día 10, a Plataforma secundará encerros en diferentes centros educativos a partir do día 14 para culminar o 3 de xuño cunha manifestación en Santiago de Compostela, conxuntamente coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública.

Paralelamente, Xoan Costa sinalou que dende os claustros e consellos escolares dos centros educativos se remitirán á Xunta de Galicia e, en particular, á Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria escritos “para que non se apliquen estas medidas”, explicou.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, constituída o pasado 25 de abril en Compostela, conta co respaldo das ANPAS de Ferrol, Lugo e Compostela, ÁS-PG, Comités e Liga Estudantil, Galiza Nova, BNG e CIG. Tamén mostraron a súa adhesión ANPAS do Morrazo, Vigo e Baixo MiÑO.

Fonte: GaliciaHoxe