Dez anos de Zona de Zanfona en Rianxo

Os días 4, 5 e 6 de abril desenvolverase en Rianxo a décima edición do festival internacional Zona da Zanfona (ZdZ), organizado por aCentral Folque e promovido polo Concello de Rianxo. Cursos, obradoiros, concertos ou unha exposición nun encontro consolidado arredor da zanfona.

Actividades para todos os públicos, desde o xeral ao especializado, para maiores e para crianzas, co fin de difundir e promover a zanfona compoñen o programa que conmemora o décimo aniversario de Zona de Zanfona (ZdZ), o festival internacional que se desenvolverá en Rianxo, concello que promove o encontro, e que organiza aCentral Folque.

O programa inclúe sesións didácticas para público escolar, cursos para especialistas en interpretación e composición, concertos de intérpretes da Galiza e internacionais ou mesmo sesións de bailes. Un serán infantil e o Baile Assalto animarán ao público a se achegar ao instrumento protagonista do festival. A edición especial deste ano mostrará tamén o traballo da nova xeración de luthiers que constrúen o instrumento. Como conmemoración do décimo aniversario, poderase contemplar tamén unha exposición con obxectos e cartaces das dez edicións titulada “Trebellos con manivela”. A mostra, instalada no Auditorio de Rianxo recolle imaxes e obxectos elaborados polo artista de Redondela Pablo Giráldez “O Pastor”.

Para especialistas e público en xeral

Serán protagonistas especiais de ZdZ nesta edición Ulobit, Germán Díaz e Le Voyage (Germán Díaz + David Herrington), Paulo González, Jaime Reboll, Colectivo Trepia e Teatro Airiños.

Desde aCentral Folque queren converter Rianxo co seu festival no “epicentro mundial do instrumento e que marca un presente magnífico para un porvir onde a memoria do instrumento vai gañando cada vez máis espazo desde o rexurdir dos anos 70. O Festival conectará profesionais, alumnado e luthiers a través dun proigrama  que recolle espazos especializados e ámbitos para que o público xeral goce coa zanfona.

Fonte: Sermos Galiza