Doazón de manuscritos do escritor e académico Julio Rodríguez Yordi á RAG

O venres, 23 de agosto de 2013, realizarase a entrega ao Arquivo da Real Academia Galega dun valioso fondo de manuscritos do arquivo persoal do escritor Julio Rodríguez Yordi.

Julio Rodríguez Yordi (1894-1967), poeta, ensaísta e novelista, era fillo de quen fora membro fundandor e máis tarde Presidente da Real Academia Galega, o poeta e lexicógrafo Eladio Rodríguez González. O propio Julio Rodríguez foi tamén membro desta institución, primeiro como académico correspondente (1945) e máis tarde como numerario (1955). Ao pouco do seu pasamento os seus herdeiros xa fixeran xenerosa doazón á RAG de diversos escritos éditos e inéditos seus e mais dun retrato ao óleo de Eladio Rodríguez que está exposto no Salón de Actos da RAG. Na presente ocasión, nun exemplar acto de xenerosidade, o seu fillo Eladio Rodríguez Rodríguez entregará ao arquivo da RAG, en representación da familia, un importante fondo manuscrito de Julio Rodríguez Yordi. O acto terá lugar na sede da Academia ás 13 horas.

Fonte: Real Academia Galega