Entrega do I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade

Baía Edicións fixo entrega o venres 19 de outubro de 2018 do I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade ás autoras gañadoras, Antía Yáñez por A reconquista e Sabela Losada Cortizas, por Vermella!. O acto foi presentado por Rocío Fraga, Concelleira de Igualdade e Diversidade do Concello da Coruña e contou coa participación das autoras dos libros premiados, de Ana Luísa Bouza e da madriña do premio, Fina Casalderrey. Tivo lugar na Biblioteca Infantil do Fórum Metropolitano da Coruña ás 18:30 horas.

O Xurado considera as dúas obras merecedoras do Premio en igualdade de condicións, manifestando que atenden a ámbitos moi distintos e complementarios e defendendo o especial interese de cada unha delas polos seguintes motivos:

«A reconquista, por un acaído tratamento da ocupación do espazo central, o liderado feminino e a solidariedade.
Ademais, a combinación de dúas voces narrativas diferentes, que aluden ao humano e animal, e ao ámbito da ficción e do libro divulgativo, fan da obra unha proposta literaria moi atractiva e interesante para as nenas e para os nenos, ao resaltar tamén por ser un exemplo de resolución positiva dos conflitos que xorden no propio contorno».

«Vermella! por ser quen de sacar á luz un tema tabú e pouco tratado na literatura infantil, como é o da menstruación desde unha perspectiva de indagación case que policial e de divertimento por parte da rapazada protagonista.
Igualmente, a historia consegue manter a súa intriga, mesmo coa axuda de trazos do humor natural característico do mundo infantil, na procura da descuberta, que lle dá sentido á trama e que ten que ver coa propia e progresiva descuberta do corpo da nena».

No acto fíxose entrega do Premio de 5.000 € ás gañadoras así como da súas obra publicadas por Baía Edicións en álbums ilustrados a toda cor na colección Contoxconto.