Entrega do V Premio Meiga Moira a Ana María Galego Gen, por BANDEIRAS NEGRAS

Baía Edicións entrega o V Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil 2012. O acto tivo lugar, na Libraría Lume da Coruña (Federico Macías, 3) o mércores día 3 de abril de 2013, ás 12:30 horas,  da obra da autoría da escritora Ana María Galego Gen, titulada Bandeiras negras, e ilustrada por Cristal Reza. No acto, ademais da autora, participou a directora de Baía Edicións, Belén López Vázquez, que se encargaron de facer un achegamento crítico a esta obra.

[nggallery id=30]

Xurado e criterios selectivos:

O Xurado, formado polas escritoras Marica Campo e Andrea Maceiras, gañadora do 4.º Premio coa obra Violeta tamurana, María Dores Fernández López, profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, o ensaísta e profesor da UDC Carlos–Paulo Martínez Pereiro, que actuou de Presidente, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, reunido o día 21 de setembro de 2012 resolveu conceder por unanimidade o 5º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil á obra presentada baixo o lema “Mago Chalupa”, na que destacou, entre outros aspectos,  que:

1)      Supón a recuperación para a literatura galega do xénero clásico de aventuras e máis en concreto o da narración de piratas.

2)      Incorpora unha perspectiva nova na voz narrativa feminina dunha escrava negra, reutilizando o recurso clásico da muller transvertida de home.

3)      Dálle nova vitalidade ás personaxes d’A Illa do Tesouro, completando os contornos e a personalidade da figura do John Silver.

4)      Emprega unha lingua axustada, expresiva e rica no desenvolvemento da historia.

5)      Se serve dos mellores recursos da técnica narrativa da page-turner, ao facilitar unha lectura continuada e implicar os lectores e as lectoras no narrado.

Sinopse da obra:

N’A Illa do Tesouro, Jim Hawkins, o narrador, ou Stevenson, o autor, non dan moitos detalles sobre a vida de Long John Silver. Só temos algúns trazos: que navegou co histórico capitán England, ou que está casado cunha muller negra.

Este é o xermolo de Bandeiras negras. Quen é esa misteriosa muller, onde coñeceu a Silver e como chegou a casar con el?

Páxina a páxina, coñeceremos as aventuras da pequena escrava Providence, quen se converterá no mariñeiro Chris e que navegará baixo as bandeiras dos piratas de máis sona: Bonnet, England… e Flint, o temible capitán do Walrus. Providence sabe cal é a vida á que está abocada dende o seu nacemento e será quen de rebelarse contra o seu destino. Non hai moitas oportunidades para as mulleres, e menos para as mulleres negras, no século XVIII. Pero as oportunidades, e a sorte, ás veces chegan andando sobre unha soa perna…