Espazo Lectura suspende as súas actividades na biblioteca de Gondomar

A Asociación Cultural Espazo Lectura acordou o pasado venres suspender as actividades infantís que coordinaba na Biblioteca Municipal de Gondomar por mor do enfrontamento que tiña co concello desta localidade. A asociación denuncia que unha reforma na distribución da biblioteca deixou inutilizados os espazos nos que desenvolvía a súa actividade para a infancia. Ademais, reclama desde hai tempo a precariedade na que se atopa a biblioteca municipal, carente de bibliotecarios, de orzamento estable e de espazos diferenciados para distintas actividades. Logo dunha parada provisoria de dous meses á agarda dun posible acordo co Concello e sen ter resposta do goberno local, a asociación acordou suspender definitivamente as propostas que coordinaba neste espazo, ao tempo que renunciou a xestionar os 5.000 euros que o Concello destinaba a este programa.

A entidade leva anos a desenvolver un importante labor de dinamización que lle reportou galardóns como o Irmandade do Libro ou o da Gala do Libro Galego. Para alén das súas actividades nas instalacións municipais, Espazo Lectura anunciou que continuará cos programas que desenvolver na Casa da Lectura, sede da propia entidade.

Fonte: Culturagalega