Ferramentas para construír outro hábitat

Arquitecturas colecticas amosa o crecente interese pola pola investigación e transformación do territorio no país

Deseñar e investigar de xeito colectivo o noso espazo físico, atendendo á idea do bo vivir. Este é o eixe do encontro Arquitecturas Colectivas, que se celebra desde onte e ata o vindeiro día 14 en Valadares, Vigo. A iniciativa, que fai parte dunha rede internacional, conta con 27 colectivos, moitos deles do país, que están a traballar baixo estas coordenadas. Urbanismo, bioconstrución, hortas urbanas, patrimonio ou sustentabilidade son só algúns do eixes que se dan cita estes días.

Segundo explica Iago Carro, que desde o colectivo Ergosfera participou na coordinación do evento, Arquitecturas Colectivas “é unha rede de colectivos dedicados nun comezo a temas tanxentes coa arquitectura, o urbanismo e o territorio, pero que se foi abrindo a iniciativas de campos como a antropoloxía, a arte ou a socioloxía”, entre outros. Estes campos encóntranse no denominador común do interese polo territorio e polos xeitos e posibilidades de nos relacionar con el. A proposta iniciouse da man de varios grupos de traballo independentes de Sevilla e Madrid hai arredor de seis anos, e foi medrando ata abranguer na actualidade arredor de medio cento de iniciativas, na súa maioría do Estado pero con incorporacións desde Francia, Italia ou Sudamérica. “Trátase de novas estruturas de traballo máis horizontais e colaborativas, a buscar o traballo en rede”. Como parte do desenvolvemento de Arquitectura Colectivas “vimos a necesidade de nos reunir unha vez ao anos para nos coñecer fisicamente e intercambiar proxectos e ideas” e así naceron os encontros que chegan agora a Vigo na súa sexta edición.

Valadares
Nesta xeira o encontro ten a súa sede en Valadares, onde está afincado desde hai xa anos o Alg-a Lab, un espazo que desde a perspectiva artística traballa tamén a relación co territorio e o hábitat e buscando inserir a súa actividade no contexto máis inmediato. “Cada encontro ten unha estrutura variable. En Galicia chegamos á idea de que o mellor era aproveitar o Alg-a Lab, que é unha peza do proceso de arquitecturas colectivas máis antigas”. A iniciativa busca ademais deixar a súa pegada no contorno inmediato. “Faranse mapas de Valadares, plantaranse cousas e traballaremos con técnicas de construción alternativa sobre un hórreo do que só queda a estrutura con vistas a construír un pequeno refuxio que se poida empregar no Alg-a Lab. “Se podemos achegar algunha mínima proposta a este territorio e deixar algunha reflexión sobre o mesmo quedaremos contentos” recoñece Carro.

O que achega Galicia
A propia configuración do noso país é aproveitada desde o encontro como un exemplo para traballar. “Desde Ergosfera e Tecnoloxías Apropiadas imos tentar analizar o territorio rururbano, que é algo moi característico de aquí e a xente de fora lles pode achegar coñecementos novos”. Así, percorrerase Valadares amosando “esta forma particular de organización no que se mesturan polígonos industriais con antigos asentamentos e un hábitat disperso. Trátase dunha mestura moi galega que temos que estudar”. Este espazo comparte características da cidade e do agro desenvolvendo outras propias, preséntanse como específicas do noso país. “Son zonas moi proclives a desenvolver novas formas de vivenda, onde existen formas de propiedade colectiva, como montes en mancomún ou muíños, das que se pode aprender moito”. De xeito semellante, abordarase o fenómeno da estrada como xeito de urbanización habitual na nosa paisaxe.

Os suxeitos
Aínda que resultan descoñecidos para o grande público, existen no noso país múltiplos colectivos que traballan desde as coordenadas do encontro. “A verdade é que Galicia ten un peso bastante grande na rede”, recoñece Carro. O propio evento está a servir para crear un mapa destas iniciativas e para fortalecer as relacións entre as mesmas. “Somos como quince colectivos que levamos xa anos a traballar, e aínda que sabemos un de outros, en moitos casos non temos traballado xuntos, e esta é unha oportunidade estupenda para xerar novas colaboracións”. Así a raíz do encontro xa se están a desenvolver os primeiro traballos conxuntos. “A xente de fóra vai aprender moito, pero a nivel galego vainos vir moi ben neste sentido”, sinala este arquitecto. Falamos de grupos como Ergosfera, Niquelarte, GZImaxinaria, Tankollektif, Hábitat Social, Proxecto Cárcer, Hábitat Social, O monte é noso_Sachando procomún ou O Enxame entre outros.

Técnicas, estudos e creación
Entre os intereses concretos dos colectivos galegos que participan no encontro hai iniciativas centradas na bioconstrución ou no aproveitamento das enerxías renovables, propostas para a investigación e o aproveitamento dos minifundios ou do monte comunal, pasando por visións de xénero ou patrimoniais. Dentro do encontro, para alén da teoría e da investigación, atópanse tamén iniciativas vencelladas á creación. Así por exemplo a acción GoVi, á busca dos restos da balea mecánica propón un traballo colectivo sobre o patrimonio industrial da Ría. Da man de Niquelarte e Tankollectif desenvólvense intervencións artísticas, visitas e debates, buscando se achegar a estes bens mediante murais, baleas de papel ou narracións. Outro exemplo é a proposta Vila. Unha historia en miniatura, que pretende desenvolver mediante obradoiros unha obra escénica considerando as cidades como individuos e construíndo maquetas das mesmas a partir de materiais recuperados.

Para os legos
Aos interesados en se achegar a esta temática que non saiban moi ben por onde comezar, desde a organzación propoñen, por exemplo, participar nas diferentes saídas que se van facer por Valadares. “Serán rutas polo monte que permitirán ver a urbanización de Vigo ou do val o Fragoso, nas que se explicará un pouco como se configura o territorio”. Canda a isto, segundo os intereses específicos de cada un, hai tres grandes bloques temáticos: “Un céntrase nas formas de urbanización local e na análise do territorio. Un segundo traballa máis temas de vivenda alternativa e un terceiro está centrado na reutilización de grandes superficies industriais ou públicas”. A isto súmanse charlas de presentación de diferentes iniciativas do máis variado. “Mesmo se pode optar por un mix, xa que cada día vai haber un pouco de todo”, propón Carro para o potencial visitante.

Construír as ferramentas
Encol do interese que en Galicia se está a dar polas formas de habitar o territorio, este arquitecto sinala que “é un interese xeracional que está a se dar en todas as partes do mundo, tamén vencellado coa crise”. Dentro deste panorama insire tamén “unha tendencia moi clara a voltar a atención para o rural. É algo que está a permear todas as prácticas e colectivos da rede”. A nivel galego, ademais, advirte problemáticas específicas sobre esta cuestión. “Aquí a visión sobre urbano estivo moi cinguida ás sete cidades, considerando que o resto era algo co que os técnicos, os artistas ou os pensadores no tiñan nada que ver. Agora estamos a dar marcha atrás niso, e vese que estamos nun territorio que é todo el urbano e que compre entender espazos como Valadares, igual que calquera outra parte, como unha cidade na que traballar”. Nese sentido destaca a ausencia de teorización académica e de atención institucional a estes ámbito. “Ata o momento considerábanse que neste territorio todo era feísmo ou resultado dunha destrución do medio. Tamén había a visión contraria, a bucólica, a considerar a natureza como algo estanco ou sólido. Hai cuestións coas que temos de dialogar e buscar resposta, cómprenos construír as ferramentas para traballar aquí”.

Fonte: cultura galega.org