Ferrín: «A Xunta non pode deixar á Academia Galega no desamparo»

Non cadran as contas na rúa Tabernas. Os orzamentos da Xunta destinan no 2013 tres partidas por un importe total de 287.265 euros á Real Academia Galega, unha cifra que o presidente da institución, Xosé Luís Méndez Ferrín, cualifica de «terrible agravio» toda vez que esta cantidade é sensiblemente inferior mesmo á que contemplan os Presupostos Xerais do Estado para a RAG (341.000 euros). «A Xunta non pode deixar no desamparo á Academia Galega, que por lei é responsable da lingua. Isto é un agravio contra a propia lingua», afirma Ferrín.

A suma de ambas partidas daría un total de 628.265 euros, moi lonxe dos 800.000 que o presidente da RAG considera o mínimo imprescindible para a supervivencia da Academia e que só se acadaría de confirmarse o cálculo da Consellería de Cultura, que asegura que a contribución total da Xunta ao financiamento da RAG será finalmente de 500.000 euros, unha vez asinados os habituais convenios con Política Lingüística. Ferrín subliña que o que necesita a institución é unha asignación estable para manter as súas instalacións e actividades e non depender de hipotéticos acordos: «Queremos unha partida fixa nos orzamentos e non ter que estar mendigando convenio a convenio».

Publicacións paralizadas

Por debaixo desa barreira dos 800.000 euros non hai viabilidade para a Academia, destaca Ferrín: «Teríamos que pechar actividades. De feito, xa as temos pechado, por exemplo, a Academia xa non segue coas súas publicacións, xa non publicamos o Boletín, nin libros, só os que podemos editar da man da Fundación Barrié, á que por suposto estamos extremadamente agradecidos». «O único que pedimos é un orzamento suficiente para o mantemento da Academia, dos seus organismos e das súas actividades. Non somos só a Real Academia Galega, somos tamén unha biblioteca, un arquivo e un museo, todos eles públicos», engade.

Pero aínda quedan pontes abertas. Falta unha entrevista que pode ser decisiva entre Ferrín e Feijoo (o 9 de xaneiro) e os orzamentos teñen que superar o filtro do Parlamento. «Temos certa esperanza pola reunión co presidente da Xunta e porque o presuposto ten que pasar o trámite parlamentario antes da súa aprobación. O Goberno e o partido maioritario na cámara teñen que atender á oposición e a nós. O contrario sería ferir sensibilidades amplamente populares, mesmo entre os votantes do PP, que non entenderían este agravio contra a lingua», conclúe Ferrín.

Fonte: La Voz de Galicia