Festa da Lingua na Cidade da Cultura

O EDIFICIO DO MUSEO da Cidade da Cultura acollerá hoxe e mañá A Festa da Lingua, organizada polas Escolas Católicas en Santiago. Nesta ocasión, esta celebración será para os nenos de Educación Primaria, e reunirá durante cada xornada a uns 520 nenos de diferentes colexios de toda Galicia.

De feito, na edición deste ano do premio Frei Martín Sarmiento participan dez mil rapaces, que dependendo das súas idades leron diferentes libros. Así, na primeira categoría, de 1º e 2º de Educación Primaria, os títulos elixidos foron As espiñas do porco espiño, de Abraham Carreiro e Editorial A Nosa Terra; María, de María Corleone e Edicións Everest e Xurxiño quere ser…, de Miguel Vázquez Freire e Baía Edicións. Na segunda categoría, de 3º e 4º de Educación Primaria, os libros escollidos foron: A peripecia de Roi, de Carlos López Gómez e Editorial Edelvives; Xoa, de Antonio Yánez Casal e Edicións Xerais e Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto, de Editorial Kalandraka.

Na terceira categoría, de 5º e 6º de Primaria, os nenos leron A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, de Edicións Xerais; Os tratantes de papagaios, de Leticia Vila Sexto, de Editorial Galaxia e Brais e os demais, de Manuel Darriva e Editorial Galaxia.

Tanto onte como hoxe, as actividades deron comezo ás 10.30 horas, coa acollida de todos os participantes e a representación da cadeira voadora, coa que se agruparán aos nenos dos diferentes colexios.

Onte ás 11.15 horas pronunciou unhas palabras Xosé Francisco Martínez Reboiras; mentres que o hoxe á mesma hora o fará o secretario xeral de Politíca Linguística, Valentín García. Ademais, leranse os nomes dos autores gañadores para cada categoría.

Despois, entre as 11.30 e as 14.00 horas desenvolveranse diferentes faladoiros cos escritores e haberá obradoiros rotativos, polos que pasarán todos os alumnos divididos en grupos por idades. Así, no taller de creación artística estará Francisco Castro; no de música, Susa Ferreiro e no de narración oral, Merche Rozas. Ademais, haberá dous talleres de destrezas manuais.

Para rematar, entre as 14.00 e 16.00 horas ofrecerase aos nenos a posibilidade de quedar a comer na Cidade da Cultura. A comida é opcional, e durante a mesma tamén haberá obradoiros variados para os nenos.

Fonte: Santiagoteespera.com