Galicia destina á súa Academia cinco veces menos que Cataluña

A Real Academia Galega afrontará a decisiva entrevista do vindeiro mércores entre o seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, e o xefe da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, cunha batería de datos sobre a mesa. Conseguido un trato igualitario por parte do Goberno central (que desde o ano pasado concede idéntica subvención ás academias das diferentes nacionalidades históricas), a RAG quere agora resolver o que considera un agravio ao comparar o financiamento que esta corporación centenaria recibe da Consellería de Cultura e o que teñen asignado por parte dos seus respectivos Executivos autonómicos institucións homólogas de Cataluña (Institut d?Estudis Catalans) e País Vasco (Academia de la Lengua Vasca-Euskaltzandia e Sociedad de Estudios Vascos-Eusko Ikaskuntza).

Diferentes achegas

Á espera de que se perfilen definitivamente os presupostos deste ano (prorrogados en Cataluña, a falta de tramitación parlamentaria en Galicia e aínda pendentes polo relevo no Goberno en Euskadi), a RAG ten elaborado un informe no que analiza polo miúdo as achegas do 2012. Segundo este documento, a Academia Galega recibiu o ano pasado unha subvención de 370.000 euros da Xunta -partida que no presente exercicio redúcese a 287.265 euros- fronte aos 5.538.947 euros que a Generalitat de Cataluña concedeu no 2012 ao Institut d?Estudis Catalans e os 1.332.820 euros que o Goberno vasco asignou o ano pasado á Academia de la Lengua Vasca-Euskaltzandia. Como a mesma RAG recoñece no seu estudo, nin as poboacións, nin o PIB, nin o presuposto das tres nacionalidades históricas son equiparables, polo que a Academia vén de analizar os datos comparando estas variables para compensar esas diferenzas. Se se compara o investimento por habitante, Cataluña multiplica por 5,6 o que destina Galicia e o País Vasco por 4,35. Se tomamos como referencia o que cada comunidade destina por cada millón de euros do seu PIB, a RAG obtén respectivamente 4,35 veces menos que a súa homóloga catalá e 3,17 veces menos que a institución vasca. E se a variable que se considera é canto asigna cada comunidade á academia propia por cada millón de euros, o resultado é que Cataluña destina 4,9 veces máis presuposto e o País Vasco 3,4.

A desexada homologación

Á luz destes datos, a Academia Galega conclúe que para obter un financiamento equiparable á media das institucións vasca e catalá debería recibir da Xunta unha partida 4,3 veces superior á que obtivo no 2012, o que suporía unha transferencia anual de 1.591.000 euros.

Fonte: La Voz de Galicia