I PREMIO FINA CASALDERREY de literatura infantil pola igualdade

Co motivo da celebración do 8 de marzo #8MEuparo, para promover a educación en igualdade e como homenaxe a todas as persoas que fixeron a aposta de escribir literatura infantil non sexista, Baía Edicións convoca o I PREMIO FINA CASALDERREY de literatura infantil pola igualdade.

BASES DO CONCURSO

Primeira
Poderán concorrer ao premio autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega conforme á normativa vixente.
As obras deberán atender ao concepto de literatura infantil non sexista e coeducativa en calquera dos seus aspectos, introducindo elementos críticos que cuestionen o modelo social sexista dominante.
Segunda
As obras a concurso deben ser orixinais, inéditas e non premiadas. O feito de participar implica o compromiso de non optar a outros premios coas mesmas obras mentres non se resolva este, compromiso que se estenderá máis aló da resolución de resultar gañadora.