Inauguración da Feira do Libro de Fránkfurt

A Feira de Fránkfurt é o escaparate mundial do libro, o evento máis importante do mundo en materia de dereitos de autor. Miles de profesionais de todo o mundo achéganse a ela para mercar, vender ou visualizar as últimas novidades de formatos e contidos. Cada un dos seus enormes pavillóns conforma un mundo diverso e colorista con miles de referencias en todas as linguas do mundo. A revolución dixital voltará de novo para formar parte dos foros e debates de expertos e gurús do sector editorial e das novas tecnoloxías. Jürgen Boos, director da feira, comparou a situación do sector co “bigbang”, unha especie de explosión que cambiará a galaxia de Gutemburg, dixo. Recordou que o importante non era o soporte, senón as historias que se len neses soportes.

O país convidado da edición deste ano é Nova Zelanda, dende cuxo pavillóns se fixo unha presentación para a prensa internacional que cubre este macro evento.  O presidente do gremio xermano, que agrupa ao conxunto do sector do libro, Gottfried Honnefelder, foi o encargado de realizar esa presentación.

Contarán con stand en Fránkfurt Nova Galicia Edicións e Kalandraka, aínda que Baía Edicións estará presente a través da súa directora editorial Belén López Vázquez. Por primeira vez en moitos anos non haberá stand colectivo dos editores galegos.

Fonte: AGE