Luz Pozo Garza foi galardoada co XI Premio Laxeiro pola Fundación do mesmo nome

A escritora Luz Pozo Garza foi galardoada pola Fundación Laxeiro co XI Premio Laxeiro, co que recoñece o traballo de “toda unha vida dedicada á creación literaria, a edición e ao ensino“.

 Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) foi catedrática de Ensino Medio, é membro numerario da Real Academia Galega e directora da revista Nordés.

É merecedora dunha morea de premios, entre eles o Premio da Crítica de poesía galega 2009  por Deter o día cunha flor (Baía Edicións)

O seu labor editorial comezou coa revista Nordésrevista de poesía y crítica, que na súa primeira andaina (1975-1976) codirixiu con Tomás Barros. Na segunda etapa dirixiu en solitario desde Vigo vinte e dous números máis de Nordés. Mantiña agora as liñas proxectadas orixinariamente, dar a coñecer a poesía galego-portuguesa actual, proporcionar unha plataforma aos novos poetas e dar a coñecer as últimas producións de ensaio e narración breve en galego: Cunqueiro, Dieste, Eduardo Moreiras, Neira Vilas, Xosefa Goldar, Fernando Agrasar, Fernández del Riego, X. María Álvarez Cáccamo, Tomás Barros, etc. Dirixe tamén a revista Clave Orión: poesía, arte, música, en once números de carácter universalista.

Foi e é colaboradora habitual de revistas nacionais e estranxeiras, La Noche, Poesía española, Ínsula, Vida gallega, Clave Orión, Ateneo Ferrolán, Galeuzca, Nordés ou Grial, son algunhas das publicacións que deron cabida aos seus artigos e poemas.

Título superior de Piano, Mestra de Ensino Primario, Licenciada en filoloxía Románica, Catedrática de Lingua e Literatura Españolas.

Pronunciou conferencias nas Universidades de Berlín, Heidelberg, Tréveris (1999) e Bruxelas (1999) e participou en distintos congresos e seminarios nacionais e internacionais.

Forma parte da Real Academia Galega como membro correspondente desde 1950 e como membro numerario desde o 29 de novembro de 1996, data en que deu lectura ao discurso de ingreso Diálogos con Rosalía, que foi contestado en nome da institución por don Xesús Alonso Montero.

 PREMIOS

  •  2013. Premio Laxeiro a toda a súa traxectoria
  • 2013. Premio Cultura Galega das letras da Xunta de Galicia.
  • 2009. Premio da Crítica de poesía galega , por Deter o día cunha flor.
  • 2002. Premio Galicia en Feminino: premio á participación artístico cultural das mulleres.
  • 2001. Premio Asociación de escritores en lingua galega
  • 2001. Premio Celnaova  Casa dos Poetas
  • 1995. Medalla Castelao
  • 1994. Premio Gallegas distinguidas. Diálogos 90
  • 1992. Premio Deputación da Coruña
  • 1992. Premio Miguel González Garcés , por Prometo a flor de loto.
  • 1991. Premio á Creación Feminina da Consellería de Cultura a toda a súa traxectoria
  • 1990. Premio Tomás Barros de ensaio
  • 1974. VII Festa da Cantiga polo poema. Noticia dende a Coruña a un amigo foraño

Fontes: Fundación Laxeiro d Real Academia Galega.