‘Mar…usía’ en Compostela

Competindo con sete presentacións na cidade, Paco Rivas presentou onte con éxito na Libraría Couceiro a súa última publicación, Mar…usía. Relatos salpresados, unha clara homenaxe á xente do mar e, en especial, á de Nois, na mariña luguesa. Homenaxe que estende á linguaxe, cun abano de termos de clara influencia mariñá, que abarca a toponimia e as palabras de uso cotián no falar das xentes do lugar, algunhas case descoñecidas para o resto de galegas e galegos.

Arroupado polo prologuista e intúo tamén mentor, Luís Alonso Gilgado, quen dixo, entre outras verdades, que en Mar…usía “narrativa e lírica son a mesma cousa”, “dá a súa particular visión sensorial da realidade que evoca a poesía afrocubana de Nicolás Guillén”, así como indica as claras reminiscencias a Poe, Alberti ou Cunqueiro, e polo profesor, investigador e académico Francisco Fernández Rei, quen actuou como tal ao esmiuzar a terminoloxía empregada na obra, destacando o uso e “abuso” de sinónimos e xogos de palabras ao servizo do ritmo que impregna toda a obra.

Non sabemos se o exhaustivo traballo de recolla e espallamento da terminoloxía mariñá lle outorgará no futuro ao poeta e estudoso dos temas mariños Paco Rivas un lugar na Academia, como semellaba prognosticar a presenza neste acto de catro membros da Real Academia Galega, pero do que non temos dúbidas é que o autor é, a día de hoxe, o maior especialista en terminoloxía do mar da mariña luguesa.

Grazas a todas e todos os compañeiros de mesa, persoas asistentes e, como non, á Libraría Couceiro, anfitrioa indispensable do libro e a lectura en galego.

Nota da editora