O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, no acto de homenaxe a María Wonenburger

No seu primeiro acto público como alcalde, Xulio Ferreiro participou na homenaxe que se lle realizou no Paseo da Ciencia do Parque de Santa Margarita á matemática coruñesa nacida en Oleiros María Wonenburger no primeiro cabodano do seu falecemento. No acto estivo acompañado polo concelleiro de Cultura, Deportes e Coñecemento, José Manuel Sande, participaron os científicos Tino Fraga e Ana Tarrío. Foi o 1 de xuño do ano 2011 cando se inaugurou o monolito en honra á matemática galega María Wonenburger coa presenza de María Xosé Bravo.

Ferreiro afirmou que “o alcalde está hoxe onde ten que estar, nunha homenaxe á ciencia, ao coñecemento e a unha das coruñesas máis ilustres”. O rexedor falou, ao igual que Elena Candia, de tradición e memoria, pero dunha memoria e tradición moi distintas: “Hai un día chegamos ao goberno local unha nova xeración; pero novidade non significa que non teñamos memoria. E a nosa memoria ten moito que ver con figuras como a de María Wonenburger, que nos demostra que antes que nós houbo moitos coruñesas e coruñeses que loitaron por un mundo máis xusto”, destacou Ferreiro, que tamén lembrou a faceta “rebelde” da homenaxeada, especialmente pola súa condición de muller, xa que “as mulleres no seu tempo pero tamén agora seguen a ser consideradas intrusas nalgúns ámbitos, sufrindo teitos de cristal que impiden alcanzar as cotas de igualdade que debería haber na sociedade”.

María Wonenburger é unha das protagonistas do libro AS MULLERES NAS MATEMÁTICAS, de Matilde Ríos Fachal, editado por Baía Edicións. Wonenburger foi unha das referencias mundiais no mundo da álxebra, pero a pesar disto e de ter regresado a Galicia xa en 1983, tivo que agardar ata os últimos anos da súa vida para recibir recoñecementos e homenaxes públicas.

Fonte: Praza Pública. Foto: © Concello da Coruña.