“O Apóstolo” trunfa nos Mestre Mateo

Non foi a gala dos María Casares, na que Xesús Vázquez non apareceu, mais a crítica agromou tamén na entrega dos premios Mestre Mateo, organizados pola Academia Galega do Audiovisual. Algunhas das intervencións sacáronlle as cores ao Conselleiro de Cultura, a máis directa, a de Alberto Díaz, Bertitxi, quen, ao recoller o premio de dirección de fotografía poro Vilamor, interpelou directamente ao máximo representante da Xunta para o sector espetándolle: “Un país sen lingua, sen cultura e sen educación non é un país”. “Cultura contra a mentira” fixeron tamén remexer ao conselleiro na súa cadeira.

Máis doloroso tivo que ser tamén o momento no que a productora de “O Apóstolo” recolleu emocionada o premio a mellor filme. Isabel Rey, productora executiva, saltou por riba das dúas lexislaturas de goberno do PP, para  aplaudir a política do audiovisual da Consellaría de Cultura nacionalista no bipartito e, en especial,  a “Manolo González e a Axencia Audiovisual Galega, que durante catro anos estivo apoiando xente coma nós que non tiña bagaxe, non tiña traxectoria, e de aí saíron moitos proxectos. Sen iso nós non existiríamos como productora” afirmou. Recibía así Isabel Rey o premio ao mellor filme para O Apóstolo, que tamén recollería o de mellor dirección para Fernando Cortizo, ademais de mellor dirección de produción, son e arte.

O propio Antonio Mourelos, presidente da Academia Galega do Audiovisual, abriu o seu discurso sinalando que “se cadra non hai moito que celebrar”. Demandou eliminar trabas que están afectando ao audiovisual como a subida do IVE e, se felicitou de exitir e de “querer seguir estando aquí”.

“Era Visto!” resultou elixida mellor serie televisiva mentres Matalobos fixo subir ao escenario todo o seu equipo de guionistas, recoñecidos pola Academia. A mellor comunicadora foi Fernanda Tabarés, de Voz TV. Luís Tosar por Operación E e Sabela Arán, por Villamor gañaron os premios a protagonistas masculino e feminino.

O premio de honra Fernando Rey foi, como xa era coñecido, para o Xabarín Clube.

Fonte: Sermos Galiza

Foto