O Festival Atlántica conmemora o Día Internacional da Narración Oral

O Festival Atlántica conmemorará esta quinta 20 de marzo o Día Internacional da Narración Oral cun programa especial no que se achega ao imaxinario lendario galego. O encontro remata este sábado día 22 despois de máis dunha decena de días de conto.

xornada Conversas Atlánticas achégase ao imaxinario galego no Día Internacional da Narración Oral dentro do Festival Atlántica que se desenvolve en Compostela até o sábado día 22 dirixido por Sole Felloza. O Consello da Cultura Galega acollerá o encontro no que distintos especialistas reflexionarán sobre a tradición oral e o imaxinario cultural galego. O escritor e autor do blog, A Galicia encantada, Antonio Reigosa e o antropolólogo Xosé Ramón Mariño Ferro achegaranse ás relacións entre a literatura culta e popular mentres o historiador Antonio Balboa afondará na lenda da Raína Lupa.

O programa do día completarase cunha xornada solidaria coa asociación de Compostela Xuntos Podemos con funcións en centros de ensino para rematar, xa por volta das 21 horas, co espectáculo “Contos do mar de Irlanda” de Xurxo Souto na Nave de Vidán, relatos sobre a vida dos mariñeiros no Atlántico Norte.

A sexta feira día 21 presentarase ás 18:00 o libro-CD “Os contos de Joselín. Primeiros documentos sonoros do teatro galego” con Laura Tato, autora da investigación, Ramon Pinheiro de aCentral Folque e os narradores Quico Cadaval e Guti, que participarán nun próximo espectáculo arredor do pioneiro da narración oral.

Os contos de Avelino González no CSC de Conxo e o espectáculo de Quico Cadaval con Narf “Obrigado!” no Teatro Principal pechará a penúltima xornada do Festival que garda aínda un remate   cunha sesión infantil no Auditorio de Galicia e un espectáculo final de relatos eróticos con Victoria Siedlecki para poñer o ramo ás 20.30.

Fonte: Sermso galiza