O Grupo Naturalista Hábitat colabora con Baía Edicións no espazo ‘Encontro coa Natureza’ informándonos das súas actividades e problemáticas

O Grupo Naturalista Hábitat é unha asociación de carácter público, sen ánimo de lucro e politicamente independente.

Dende a súa fundación na Coruña en 1979, foi fiel a unha consigna básica: traballar polo estudo e a conservación dos espazos naturais e da biodiversidade de Galicia, cun enfoque naturalista e baixo criterios científicos.

O ámbito de actuación da asociación é o territorio galego, se ben co maior incidencia na provincia da Coruña.

Os seus principios de funcionamento son:
•     Conservación dos valores naturais.
•     Estudo dos ecosistemas.
•     Divulgación científica.
•     Fomento da sustentabilidade.
•     Participación democrática.

Obxectivos

•    Estudar os elementos básicos que conforman o medio natural galego (fauna, flora, xeomorfoloxía, paisaxes, hidroloxía, ecoloxía…) e as relacións entre eles.
•    Protección dos ecosistemas galegos co obxectivo da súa conservación.
•    Divulgación da riqueza biolóxica do noso medio natural.
•    Participación en debates, congresos e foros de discusión sobre cuestións relacionadas co medio natural, en xeral, e co galego, en particular.
•    Formar parte de grupos consultivos ou órganos de decisión de organismos públicos e privados relacionados co medio natural.
•    Favorecer e alentar unha conduta acorde cos principios básicos do desenvolvemento sustentable.
•    Colaborar coas administracións e institucións públicas ou privadas na protección do medio natural galego.

Actividades

•    Censos, mostraxes, inventarios e informes científicos.
•    Organización de xornadas formativas, excursións, charlas, conferencias e cursos.
•    Edición de publicacións de carácter científico e divulgativo.
•    Presentación de alegacións e elaboración de denuncias por delitos contra o medio natural.
•    Participación nos movementos sociais que teñan como unha das súas finalidades a protección e conservación do medio natural.
•    Colaboración con outras entidades ambientalistas.

Publicacións

A Mobella: Revista de divulgación para o público en xeral, onde se publican observacións, artigos didácticos e documentos, as actividades do grupo, novidades e opinións.

Chioglossa: Revista científica aberta a naturalistas e investigadores, tanto profesionais como afeccionados serios, interesados na flora e fauna da Península Ibérica, preferentemente en temas relativos á rexión eurosiberiana, e, particularmente, ao noroeste ibérico.

Na páxina web www.chioglossa.com pódense consultar as normas de publicación, así como os artigos publicados, de forma gratuíta e indefinida, facilitando así a difusión do coñecemento.

Podes participar co Grupo Naturalista Hábitat puntual ou regularmente. Se desexas recibir información das nosas actividades, envía unha mensaxe a gnhabitat@yahoo.es. Agradecemos a túa colaboración!

Grupo Naturalista Hábitat
Rúa Camariñas, 8 – Baixo. 15002 A Coruña.
Apartado de Correos 805. 15080 A Coruña.
Teléfono: (+34) 981 135 014
Correo electrónico: gnhabitat@yahoo.es
Páxina web: www.gnhabitat.org