O teatro sae á rúa contra a censura

A prohibición da Consellería de Educación e Cultura para que os colectivos teatrais celebrasen onte o Día Mundial desta disciplina nun teatro público de Santiago levou a actores, bailaríns e demais membros da profesión a manifestarse polas rúas de Compostela e a concluír a protesta nas portas do Salón Teatro, o lugar que elixiran para celebrar a xornada, en principio festiva. “Estamos nun país cheo de colectores culturais, pero a xente do teatro vémonos obrigados a celebrar o noso día na rúa e ás portas dun teatro público que está pechado”, indicou o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Antonio Durán Morris, en declaracións realizadas á conclusión da protesta.

A decisión da Consellería de Cultura e Educación de destituír á directora do Centro Dramático Galego (CDG), Blanca Cendán, por dar permiso aos actores para celebrar este día no Salón Teatro planeou sobre a protesta. Durante o percorrido dos manifestantes polas rúas de Santiago pediuse con insistencia a dimisión do director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos Fasero, por consideralo o responsable directo da destitución de Blanca Cendán. “Fasero censura a nosa cultura” e “Censura tras censura, ensaiando a ditadura”, foron algunhas de consignas máis coreadas durante a protesta, que reuniu a tres centenares de persoas.

Morris explicou que a decisión da Xunta de non ceder o teatro non é admisible xa que a súa intención era “realizar un acto festivo e reivindicativo”. “E, se temos algunha opinión contraria á Administración, eles teñen que escoitala”, A celebración do Día Mundial do Teatro podía intuírse como conflitiva, debido a que a Xunta mantén unha débeda de 1,2 millóns de euros coas compañías teatrais polas axudas do ano pasado. Este atraso deixou ao sector teatral da comunidade autónoma nunha situación moi complicada.

Á manifestación asistiron, ademais de numerosos actores, representantes das compañías de teatro e danza, dos equipos técnicos, así como a exdirectora do CDG Ánxeles Cuña. Morris anunciou que os diversos colectivos teatrais acaban de formar a Plataforma das Artes Escénicas e que a Xunta conseguiu unilos a todos contra a decisión de destituír, sen maiores explicacións, á directora do CDG.

Pola mañá o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, explicara que as razóns do cesamento de Blanca Cendán non foi a decisión da directora de permitir aos actores usar o Salón Teatro para o acto de onte. Vázquez apuntou que se prescindiu dos servizos da directora por cuestións de “eficiencia, de xestión, de organización e de actitudes”. Con todo non quixo profundar nas causas xa que considera que non ten que explicalas en público.

O que si aclarou é que o seu departamento está buscando a unha persoa que substitúa a Cendán á fronte do CDG e engadiu que a compañía pública teatral vai ser potenciada. Respecto da decisión de non ceder aos actores o Salón Teatro para a celebración de onte, Vázquez indicou que se considera que este edificio é unha casa para a cultura e, xa que logo, só debe acoller actos culturais. “Todo edificio debe ser utilizado para aquilo ao que está destinado. Por iso se rexeitou a petición dos actores”, explicou Vázquez. Ao parecer a celebración do Día Mundial do Teatro non é un acontecemento suficientemente cultural como para que a Xunta poida permitir o seu uso aos colectivos teatrais.

O cesamento de Cendán pode deixar no aire a única produción que o CDG ía realizar este ano, prevista para a súa estrea en setembro baixo a dirección de Andrés Lima. Este último atribúe a un acto de “censura” a destitución de Cendán e espera noticias da Xunta para saber se se vai a realizar finalmente unha produción na que xa está traballando. “Só había un compromiso verbal para facer o proxecto. Esperemos que se manteña”, indicou Lima.

 

Fonte: El País