Os 7 libros gañadores dos Premios da Edición serán o agasallo de #eusiqueleo

Ata o 20 de abril os lectores e lectoras que o desexen poden participar na campaña posta en marcha pola Asociación Galega de Editores #eusiqueleo, unha iniciativa que pretende visualizar a toda aquela xente que emprega parte do seu tempo de lecer na lectura, os que se esforzan para estar ben documentados e gozan co saber e os que len polo pracer de ler, para soñar, viaxar ou acompañar aos pequechos na súas aprendizaxes.

Os 7 títulos dos Premios da Edición

O lote de 7 libros gañadores dos premios da edición entregados en Pontevedra será a recompensa por enviar a mellor foto do libro que estás a ler, fotografarse con el ou coa mascota que o lector queira. Compartir esa foto nas redes sociais da AGE co hastag #eusiqueleo, ten premio. Se non se conta con perfil nas redes sociais tamén se pode participar enviando a imaxe ao correo eusiqueleo@gmail.com.

Trátase de buscar a complicidade dos lectores para poñerlle imaxinación a este #eusiqueleo que organizaron, deseñaron e dinamizan a Asociación Galega de Editores e Illa Bufarda. Colabora a Consellería de Cultura.

O lote de libros

A viaxe de Gagarin, de Agustín F. Paz; O soño galego de Julio Cortázar, de Francisco F. Naval;  Estrela do Norte, de Luís Rei; Leviatán, de Ramón Trigo; Escarlatina a cociñeira defunta, de Ledicia Costas; As floriñas de S. Francisco, traducido por Darío Xohán Cabana; As mulleres galegas. Das marchas nómadas ás marchas mundiais das mulleres, de Pepe Carreiro.