Os Premios da Edición entregaranse en Pontevedra o 13 de marzo

A Asociación Galega de Editores entregará os Premios da Edición o próximo 13 de marzo no transcurso dun acto que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra. O xurado dos premios, que decide entre os libros finalistas que resultaron da votación dos editores integrados na entidade, está composto polo libreiro, Cano Paz, de Librería Paz de Pontevedra; o expresidente da AGE, Alfonso G. Sanmartín; a bibliotecaria Pilar Fernández, directora da Biblioteca de Pontevedra; o ilustrador e debuxante Kiko da Silva; e o xornalista Ramón Rozas.  Colaboran coa organización do acto o Concello de Pontevedra, Gadisa e a Xunta de Galicia.

Visita ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil 

Os actos do día 13 comezarán ás 19 horas coa visita ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Ás 20 horas está previsto o comezo da entrega dos recoñecementos ao traballo editorial do ano 2014 e a homenaxe á editorial Galinova, que celebra o seu 25 aniversario. Está prevista a asistencia de diversas autoridades galegas e da cidade, así como de representantes da vida cultural galega.

Trinta e seis títulos 

Trinta e seis títulos editados no ano 2014 compiten en 7 categorías: libro de ficción, non ficción, poesía e teatro, ilustración, infantil e xuvenil, educativo e tradución. Cinco proxectos optan ao Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial do ano. Tres autores resultaron finalistas para o Premio Xosé Mª Álvarez Blazquez ao mellor autor-a do ano.

MARÍA BARBEITO. Unha vida ao servizo da escola e dos escolares (1880-1970), de  Ana Romero finalista no PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE NON FICCIÓN DO ANO 2014.

Miña querida Sherezade, de Andrea Maceiras e ilustracións de Antonio Seijas finalista do PREMIO NEIRA VILAS AO MELLOR LIBRO INFANTIL E XUVENIL DO ANO 2014.

A Colección Emocións (9 títulos), de Mireia Canals e ilustracións de Sandra Aguilar e Historia das mulleres galegas. Das marchas nómades á Marcha Mundial das Mulleres, de Pepe Carreiro finalistas do PREMIO XOSEFA IGLESIAS VILLAVERDE AO MELLOR LIBRO EDUCATIVO DO ANO 2014.

Fonte: AGE